Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, presentou hoxe na sede deste departamento no estadio de San Lázaro o Campionato de España de remo olímpico que se celebrará este fin de semana no encoro de Castrelo do Miño, en Ourense. Lete Lasa destacou que a localidade ourensá acollerá participantes de 59 clubs de diferentes zonas de España, de entre 10 e 16 anos, e preto de 400 embarcacións.
O secretario para o Deporte salientou que Galicia estará representada por 18 clubs: CR Vilaxóan, RCN de Vigo, CM de Noia, Amegrove CM, CM de Mugardos, CR Ares, A Cabana- Ferrol, SD Samertolameu, CR Perillo, AD Esteirana, CR do Miño, Náutico Castrelo, San Felipe, Mariñeiros- Fontán Sada, CR Robaleira, Ría de Marín, Regatas do Pasaxe, e Agrupación Deportiva ADER.
Lete Lasa explicou que Castrelo de Miño acollerá, en concreto, as probas do Campionato de España para as categorías alevín, infantil e cadete durante os días 10, 11 e 12 de xullo en xornadas de mañá e tarde. Disputarase, ademais, o Torneo Promoción, creado no ano 2004 pola Federación española de remo, para premiar aos clubs cos mellores resultados nestas categorías.
O secretario xeral para o Deporte estivo acompañado nesta presentación polo presidente da Federación española de remo, Fernando Climent, o presidente da Federación galega, José Prada, o alcalde de Castrelo do Miño, Xurxo Rodríguez, ademais das directivas dos clubes galegos participantes nas probas.