07 julio 2009

Carretera en A Golada inaugurada por Deputación

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e o vicepresidente provincial e alcalde de Lalín, Xosé Crespo, presentaron hoxe o proxecto de mellora da seguridade viaria da estrada Prado-Bodaño, no lugar de Campiño, en Santa Eulalia de Losón, e inauguraron a estrada provincial que une Lamas, Muimenta e Ventosa, no concello de Agolada.
A actuación prevista sobre a estrada de Prado-Bodaño, comentou o presidente provincial, consistirá “en grandes rasgos, no retranqueo de muros e peches a fin de conseguir un ancho de plataforma de 15,6 m con beirarrúas de 1,8 metros en ambas marxes nun tramo de 250 metros liñais”.
A obra, que suporá un investimento total de 200.000 euros, inclúe tamén a instalación da rede de saneamento, recollida de pluviais, abastecemento, alumeado público, canalización da rede de media e baixa tensión, telefonía e beirarrúas.
Por último, acometerase o afirmado de ensanches e capa de rodaxe nos 250 metros do tramo, que ten 12 metros de ancho medio; e a pertinente dotación de sinalización horizontal. Previse un prazo de execución estimado de seis meses.
Lamas-Muimenta-Ventosa
Logo de visitar a parroquia de Santa Eulalia de Losón, Louzán e Crespo dirixíronse ó concello de Agolada, acompañados do alcalde local, Ramiro Varela, onde inauguraron a estrada provincial Lamas-Muimenta-Ventosa, na que se investiron 350.000 euros.
As obras incluíron a limpeza de cunetas e perfilado de paseos en todo o trazado, a mellora do firme cunha capa de rodaxe de 4 cm en 46.200 m2, sinalización vertical, horizontal e balizamento e a renovación da sinalización indicativa desta vía de 9.800 metros liñais que une os termos de Agolada e Lalín.