07 julio 2009

Medio Ambiente : promesas para ir de aquí a fin de año

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Xunta de Galicia terá licitados antes de finais de ano un total de 150 millóns de euros en obra pública de estradas, un dato que contrasta cos 10 millóns de euros que licitou o bipartito polo mesmo concepto nos cinco primeiros meses de lexislatura. Por outra banda, 52 millóns de euros sairán a licitación antes do mes de outubro dentro do Plan de Choque que está a preparar o Goberno galego para axilizar obras de saneamento e infraestrutura viaria.

O actual executivo non paralizou actuacións que supoñan un retraso na posta en servizo de ningunha infraestrutura. No caso do Plan de Estradas, estanse a desenvolver todos o compromisos que non teñen problemas coa súa tramitación. No caso das obras de saneamento, estanse a axilizar os trámites de obras en puntos de actuación urxente nas rías de Ares-Betanzos, O Burgo, Arousa, Muros-Noia, Pontevedra e Vigo.

O esforzo orzamentario e de xestión estase a realizar a pesares de que existen problemas serios herdados do anterior goberno:

• Obras licitadas sen dotación orzamentaria suficiente, como é o caso da Edar de Vigo
• Obras con problemas graves de financiamento, como é o caso da autovía Carballo-Berdoias
• Obras sen posibilidade de inicio pola súa carencia dun deseño adecuado e funcional, como por exemplo o nó de Curro, en Pontevedra, problema que xa está desbloqueado coa presentación dun novo deseño.
• Obras que foron paralizadas polo bipartito para a súa revisión e que é necesario retomar co seu deseño inicial, como a variante de Noia ou a vía de alta capacidade Tui-A Guardia.

A Xunta de Galicia está a traballar con intensidade para recuperar o tempo perdido nestas infraestruturas e noutras moitas actuacións que non se levaron a cabo coa debida dilixencia, como é o caso das dez infraestruturas do Plan Galicia que tiñan que estar rematadas no horizonte 2006-2008 e que levan retrasos de entre un e tres anos respecto aos prazos de remate fixados.