REFERENCIA DO CONSELLO DA XUNTA DE GALICIA
QUE TIVO LUGAR NO PAZO DE RAXOI
O DÍA 9 DE XULLO DE 2009,
BAIXO A PRESIDENCIA DO
SR. D. ALBERTO NÚÑEZ FEIJÓO
DECRETOS
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Decreto polo que se declara en concreto a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de acondicionamento da estrada PO-221, treito Caldas (N-640) – Moraña (clave PO/06/154.01)
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
• Decreto polo que se fixan os prezos correspondentes aos estudos conducentes á obtención de títulos oficiais no ensino universitario para o curso 2009/2010
• Decreto polo que se dispón que cese Guillermo Rojo Sánchez como presidente do Consello de Dirección do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia
• Decreto polo que se nomea presidenta do Consorcio Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia a María Patrocinio Morrondo Pelayo
CONSELLERÍA DE CULTURA E TURISMO
• Decreto polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de monumento, o cuartel de San Fernando, na cidade de Lugo
ACORDOS
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral da Emigración e a entidade Casa Galicia de Montevideo, para o desenvolvemento de dous programas de atención sociosanitaria, destinados ás persoas de orixe galego e aos seus descendentes residentes en Montevideo
• Acordo polo que se autoriza a subscrición dun protocolo entre a Secretaría Xeral da Emigración e o Ministerio de Traballo e Inmigración, polo que se prorroga, para o ano 2009, o convenio de colaboración subscrito o 25 de outubro de 2005 entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, para o desenvolvemento de actuacións de acollida e integración de persoas inmigrantes así como de reforzo educativo
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Acordo polo que se autoriza o gasto por unha contía de cinco millóns cento sesenta e sete mil novecentos setenta e sete euros con dezaseis céntimos (5.167.977,16 euros), correspondente á obra de reforzo do firme, sinalización e barreiras na PO-533, Lalín-Alto do Faro
CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E INDUSTRIA
• Acordo polo que se aproba definitivamente o proxecto sectorial de ampliación da posición I-016 para un punto de entrega de gas natural en Abegondo con estación de medida G-250, como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia
• Acordo polo que se declara o proxecto LAT 132 kv. e subestación 132/20 kv de Folgosa, Ribadeo (concellos de Trabada e Ribadeo –Lugo-), como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal, para os efectos previstos na Lei 10/1995, do 23 de novembro, de ordenación do territorio de Galicia
CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA
• Acordo polo que se autoriza a sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Preescolar na Casa, para a promoción da cultura e da lingua galega, mediante o programa Preescolar na Casa
INFORMES
CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA
• Informe sobre o Plan TIC de medidas urxentes. Resumo executivo
CONSELLERÍA DE FACENDA
• Informe sobre o Plan de choque contra a crise
CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE, TERRITORIO E INFRAESTRUTURAS
• Informe sobre o proxecto de lei de modificacións puntuais da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia
CONSELLERÍA DE SANIDADE
• Informe sobre as accións que se realizarán en materia de atención sociosanitaria
A XUNTA ACOMETERÁ O ACONDICIONAMENTO DO TREITO CALDAS-MORAÑA DA PO-221 POR MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS
• O departamento que dirixe Agustín Hernández levará a cabo os traballos de mellora deste tramo de 4 quilómetros de lonxitude que beneficiará preto de 15.000 habitantes dos concellos de Caldas de Reis e Moraña
O Consello da Xunta aprobou esta mañá o decreto de utilidade pública que dispón a urxente ocupación dos terreos necesarios para as obras de acondicionamento do treito entre Caldas de Reis (N-640) e Moraña da estrada PO-221 (Campo Lameiro- N-640). O importe desta actuación elévase a máis de 5 millóns de euros (5.432.262) e será asumido pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Este investimento servirá para mellorar un total de 4 quilómetros desta estrada, que beneficiará case 10.000 habitantes de Caldas de Reis e máis de 4.000 de Moraña e afectará un total de 500 predios situados nestes dous concellos pontevedreses.
Segundo as previsións que manexa a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas as obras estarán iniciadas no primeiro semestre de 2010.
A actuación que se levará a cabo no treito da estrada da Rede Secundaria da Xunta de Galicia ten por obxecto definir os aspectos xeométricos desta, para mellorar os parámetros de seguridade. As unidades principais desta obra son unha glorieta, un paso superior e dous viadutos, para as cales se prevé un movemento de terras de 109.071 m³. Os labores desta actuación tamén implican a urbanización e reposición de servizos públicos, a restauración paisaxística e o balizamento e sinalización da estrada.
Neste senso, ao remate destas obras, esta estrutura viaria contará con dous carrís de 3,5 metros de ancho e beiravías de 0,5 metros. Tamén se establece un carril central de espera de 3,5 metros de ancho, para habilitar un espazo que permita aos usuarios realizar xiros á esquerda, e unha glorieta de 4 metros.
A xustificación da urxencia de ocupación dos bens e dereitos para a execución desta obra débese á recente posta en servizo da nova variante de Caldas, un feito que determinou o incremento de tráfico na estrada PO-221.
Cómpre sinalar que estas obras de acondicionamento forman parte das actuacións que levará a cabo a consellería dirixida por Agustín Hernández para mellorar a seguridade viaria dos cidadáns.
O CONSELLO DA XUNTA DÁ O VISTO E PRACE Á CONXELACIÓN DE TAXAS UNIVERSITARIAS DURANTE O CURSO 2009-2010
• Con esta medida quere amosar o seu compromiso coa universidade galega, nun momento delicado debido á crise económica e o proceso de Boloña
O Consello da Xunta aprobou o decreto que permitirá a conxelación das taxas universitarias para o curso 2009-2010, tanto para a matrícula de graos e másters como para a expedición de títulos. Con esta medida, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria quere amosar o seu compromiso coa universidade galega e cos seus estudantes, nun momento crucial en que a adaptación ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) coincide cunha forte crise económica.
A decisión de conxelar as taxas xa foi aprobada a finais de maio polo Consello Galego de Universidades, conforme a proposta do Ministerio de Educación que solicitou deixalas nun intervalo que vai do -0,2% ao +3,8% durante a Conferencia Xeral de Política Universitaria.
No curso 2009-2010 convivirán as titulacións tradicionais co novo esquema de graos introducido co proceso de Boloña. A Consellería de Educación ve neste camiño un gran desafío para o Sistema Universitario Galego, preparado para superar as numerosas dificultades asociadas á integración no Espazo Europeo de Educación Superior.
O proxecto de decreto aprobado hoxe regula igualmente a exención de pagamento polos servizos académicos universitarios en favor das persoas que teñan a consideración de discapacitado, de vítima de acto terrorista ou de vítima de violencia de xénero. Todas as cuestións relativas ás taxas universitarias foron acordadas cos representantes das tres universidades galegas e contan co informe favorable do Consello Galego de Universidades adoptado por unanimidade dos seus membros.
PATROCINIO MORRONDO PELAYO PRESIDIRÁ A AXENCIA PARA A CALIDADE DO SISTEMA UNIVERSITARIO DE GALICIA (ACSUG)
• O Consello da Xunta ratifica o nomeamento da nova presidenta, que conta con trinta anos dedicados á investigación
• A ACSUG ten como misión fundamental a mellora da calidade do Sistema Universitario Galego
O Consello da Xunta aprobou hoxe o nomeamento da nova presidenta do Consello de Dirección do Consorcio da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG). María Patrocinio Morrondo Pelayo sucederá o anterior presidente, Guillermo Rojo Sánchez, que concluíu o seu mandato.
María Patrocinio Morrondo Pelayo, que ocupará este cargo durante os vindeiros catro anos, é doutora en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de León e catedrática da Área de Sanidade Animal na facultade de Veterinaria de Lugo. Grazas á súa traxectoria académica posúe o recoñecemento de cinco tramos de investigación por parte do Ministerio de Educación e Ciencia (MEC), o que supón 30 anos de actividade investigadora, de 1978 a 2007.
A nova presidenta forma parte da Academia das Ciencias Veterinarias de Galicia desde xaneiro de 2008, o que a converte na primeira muller deste organismo. A súa actividade investigadora vese avalada pola súa colaboración, desde o 2005, como avaliadora na Axencia Nacional de Avaliación e Prospectiva (ANEP) de proxectos de investigación e do currículo para habilitación e acreditación de profesores titulares e catedráticos de universidade. Tamén, desde 2006, traballa co organismo homólogo á ACSUG en Cataluña, a AGAUR.
Funcións da ACSUG
A ACSUG ten como misión fundamental contribuír á mellora da calidade do Sistema Universitario de Galicia (SUG). Para lograr os seus obxectivos, elabora informes, avaliación, certificación e acreditación das actividades que desenvolven as universidades galegas, especialmente as referidas á docencia, á investigación, á transferencia de coñecemento e á xestión. Contribúe coa súa actividade a que o SUG se manteña permanentemente actualizado e adaptado ás necesidades sociais cambiantes.
Como nova presidenta da ACSUG, María Patrocinio Morrondo Pelayo terá, entre outras, as funcións de representar institucionalmente a axencia, supervisar as súas actividades e elevar ao Consello a documentación e os informes que considere pertinentes.
O CONSELLO DA XUNTA DECLARA BEN DE INTERESE CULTURAL O CUARTEL DE SAN FERNANDO DE LUGO
• O decreto delimita os elementos do contorno do inmoble que serán obxecto de protección e conservación pola declaración do BIC
O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración do cuartel de San Fernando da cidade de Lugo como ben de interese cultural, coa categoría de monumento. De acordo co previsto no artigo 8 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, os bens máis sobranceiros do patrimonio cultural galego serán declarados bens de interese cultural mediante decreto da Xunta de Galicia. Ademais, no presente decreto delimítase a zona afectada pola declaración, que tamén será obxecto de protección e conservación.
O expediente para declaración de ben de interese cultural foi incoado por resolución do 23 de marzo de 2009 e contou cos informes favorables obrigatorios da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico, da Real Academia Galega de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario, do Consello da Cultura Galega e da Universidade de Santiago de Compostela.
Historia
En 1779 o rei Carlos III decide erixir na cidade de Lugo un cuartel destinado a atender os inválidos do exército. O proxecto inicial foi elaborado polo militar Bartolomé Amphoux, que recollía a construción dun cuartel para albergar seis compañías de inválidos e un batallón de infantaría (un total aproximado de 1240 homes), pero unha vez elaboradas as trazas Francisco Sabatini introduciu algúns cambios para que o custo da construción non excedese o orzamento dispoñible.
Esta obra destaca pola súa sinxeleza, onde se buscou a funcionalidade do edificio e se adaptou cada espazo ao uso que ía ter. Despois de 225 anos o cuartel de Inválidos de San Fernando conserva a estrutura e organización espacial proxectada orixinariamente, constituíndo un exemplar de extraordinaria importancia dentro do capítulo da arquitectura neoclásica. O conxunto deste mantense en moi boas condicións e ten a particularidade de ser o único acuartelamento que se erixiu na cidade de Lugo na época ilustrada.
A XUNTA E A CASA GALICIA DE MONTEVIDEO COLABORARÁN NA ATENCIÓN SOCIOSANITARIA DOS EMIGRANTES GALEGOS RESIDENTES EN URUGUAI E DOS SEUS DESCENDENTES
• Así se establece nun convenio autorizado hoxe polo que o Goberno galego se compromete a financiar con 200.000 euros estas actuacións
O Consello da Xunta aprobou na súa reunión de hoxe a sinatura dun convenio de colaboración entre a Secretaría Xeral de Emigración e a entidade Casa Galicia de Montevideo para a atención sociosanitaria dos emigrantes galegos. Deste xeito, o acordo materializarase no desenvolvemento de dous programas de atención sociosanitaria centrados nas persoas de orixe galega e os seus descendentes que residen en Uruguai e que estean en situación de carencia ou con mínimos ingresos.
O Goberno galego considera oportuno para a actuación o centro Casa de Galicia de Montevideo debido ao compromiso que ten esta institución de dar cobertura gratuíta excepcionalmente aos seus asociados, a maioría persoas pertencentes á gran colonia galega do país ou aos seus descendentes.
A actuación, que conta cun orzamento por parte da Xunta de 200.000 euros, centrarase na subvención a dous programas que na actualidade están sendo deseñados e executados polo centro Casa de Galicia de Montevideo. Nunha primeira liña de acción, destinaranse 80.000 euros á condonación e bonificación de cotas sociais daqueles mutualistas que estean en situación de carencia. Deste xeito, os socios poderán recibir asistencia sanitaria na área hospitalaria da entidade sen ter que aboar a totalidade das cotas da Casa de Galicia.
O segundo programa permitirá o acceso á asistencia sanitaria para aqueles galegos ou descendentes destes que non estean integrados na mutualidade. Neste caso, os beneficiarios, ademais de carecer de cobertura médica, non poderán ter gozado de axudas á asistencia sanitaria do Ministerio de Traballo e Inmigración español ou de calquera outra administración ou ente privado durante o 2009. A este segundo obxectivo destinarase unha partida de 120.000 euros.
A XUNTA DE GALICIA E O MINISTERIO DE TRABALLO DESTINARÁN 3,6 MILLÓNS DE EUROS Á ATENCIÓN DOS INMIGRANTES
• Segundo o aprobado hoxe no Consello da Xunta, o Goberno galego achegará 1.001.156 euros en concepto de acollida e integración e reforzo educativo, máis dun 30% do custo total das actuacións
• Os fondos comprometidos dirixiranse a programas de apoio nos centros educativos, aprendizaxe das linguas ou aloxamento e manutención dos máis vulnerables, entre outros proxectos
O Consello da Xunta autorizou hoxe a subscrición dun protocolo en que o secretario xeral da Emigración e a secretaria de Estado de Inmigración e Emigración acordan prorrogar para o ano 2009 o convenio de colaboración subscrito o 25 de outubro de 2005 entre o entón denominado Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, da cal naquel tempo dependía a Secretaría Xeral da Emigración.
A prorrogación do dito convenio achegará un total de 3.615.901,95 euros como fondos para sufragar as actuacións concretas que foron recollidas no Plan de acción 2009, aprobado de común acordo pola Secretaría de Estado de Inmigración e Emigración e polo Goberno galego con anterioridade á sinatura do protocolo de prórroga. Do montante total, 1.001.156,95 euros serán achegados polo Goberno galego mentres que os restantes 2.614.745 procederán das arcas do Goberno central.
Do total de fondos achegados polo ministerio, a metade (1.017.907€) serán utilizados para as actuacións encadradas no eido da educación anunciadas no Plan de Acción 2009 mentres que 1.161.958€ serán destinados a actividades relativas á acollida e á integración. O ministerio achegará tamén 434.800 euros para a atención de menores estranxeiros non acompañados desprazados desde as illas Canarias.
O restante do importe acordado, 1.001.156’95 euros, será financiado pola Xunta de Galicia. Esta cantidade acada, como di o acordo, o mínimo do 30% do custo total das actuacións destinadas á acollida, integración e reforzo educativo. Por último, o protocolo inclúe o compromiso da Comunidade Autónoma galega de derivar como mínimo o 40% da asignación ás entidades locais (deputacións e concellos) do seu territorio que soporten unha maior presión migratoria.
Segundo o acordo, as actividades de acollida e integración incluirán proxectos de introdución á sociedade de acollida, accións de derivación a servizos públicos de carácter xeral ou itinerarios de inserción, así como aloxamento e manutención de persoas inmigrantes en situación de vulnerabilidade. No tocante ao eido educativo, o reforzo irá encamiñado a programas de apoio e compensación educativa en centros escolares ou á aprendizaxe das linguas da sociedade de acollida.
O GOBERNO GALEGO REFORZARÁ O FIRME DA ESTRADA LALÍN-ALTO DO FARO (PO-533) CUN INVESTIMENTO DE MÁIS DE 5 MILLÓNS DE EUROS
• A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas executará o saneamento da capa de rodadura desta vía coa finalidade de mellorar a seguridade dos usuarios
• Con esta actuación favoreceranse as comunicacións viarias de máis de 30.000 veciños de Chantada, Lalín e Rodeiro
O Consello da Xunta autorizou esta mañá o gasto dun total de 5,1 millóns de euros para as obras de reforma do firme da estrada que une o concello de Lalín co Alto do Faro (PO-533), pertencente á rede autonómica da provincia de Pontevedra.
A finalidade desta actuación, que afecta unha lonxitude de 21 quilómetros, é mellorar o seu estado actual para adaptala aos parámetros de seguridade viaria. As obras inclúen a renovación das barreiras de protección e a colocación de sinais de advertencia de curvas perigosas naquelas aliñacións illadas que requiran unha velocidade de circulación inferior á do treito ao cal pertencen, co obxectivo de adecuar a distancia de parada á visibilidade existente.
As obras consistirán no reforzo do firme en toda a lonxitude da vía, xa que o pavimento está en mal estado de conservación. Daráselle unha uniformidade á largura da vía, que pasará a ter dous carrís de 3,50 metros. Procederase á extensión da capa de rodadura en toda a calzada de maneira conxunta, incluíndo polo tanto as zonas en que se sanea o firme e aquelas en que unicamente se realiza un fresado.
Os prazos que manexa a Administración supoñen que os traballos de levantamento de actas –que afecta tres predios- se leve a cabo durante o terceiro trimestre deste ano, as obras se inicien antes do cuarto trimestre de 2009 e que nun ano se rematen.
Con esta actuación mellóranse as comunicacións viarias e as infraestruturas de máis de 30.000 veciños de Chantada, Lalín e Rodeiro. Estes dous últimos concellos son os que están afectados polas obras.
A XUNTA APROBA A INSTALACIÓN DUN PUNTO DE ENTREGA DE GAS NATURAL EN ABEGONDO
O Consello da Xunta aprobou definitivamente a modificación puntual do gasoduto Vilalba –Tui para ampliar a posición I-016, situada no concello de Abegondo, A Coruña, co fin de instalar un punto de entrega de gas natural (PEGN) neste municipio.
Esta ampliación foi solicitada á Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas pola empresa ENAGAS, S.A. en xullo de 2007, e hoxe aprobouse con carácter definitivo a posta en marcha deste proxecto sectorial de incidencia supramunicipal.
As obras que se realizarán consisten na instalación dunha estación de medida G-250, o que implicará ampliar en 560 metros cadrados a superficie actual da posición I-016, que ocupa 1.225 metros cadrados.
A instalación dun novo punto de entrega de gas natural no concello de Abegondo é unha infraestrutura que suporá a modificación do gasoduto Vilalba –Tui, aprobado en setembro de 1996, e supón un investimento de 220.857,95 euros.
A XUNTA DECLARA A LIÑA ELÉCTRICA AÉREA DE ALTA TENSIÓN 132 KV E A SUBESTACIÓN DE RIBADEO PROXECTO SUPRAMUNICIPAL POLA SÚA TRANSCENDENCIA ENERXÉTICA
O Consello da Xunta declarou a implantación da liña eléctrica aérea de alta tensión (L.A.T.) de 132 KV, que transcorrerá polos concellos de Trabada e Ribadeo, e da subestación de Folgosa, situada ao final desta liña, como un proxecto de incidencia supramunicipal, por tratarse dunha infraestrutura de gran transcendencia enerxética que afecta máis dun municipio.
Este proxecto ten como obxectivo mellorar a rede de distribución eléctrica da zona do nordés de Lugo e o abastecemento das necesidades de potencia eléctrica motivadas polo desenvolvemento nos concellos da Mariña.
A declaración destas infraestruturas como proxecto sectorial de incidencia supramunicipal é o primeiro dos trámites administrativos antes da aprobación definitiva do devandito proxecto polo Consello, que suporá a posta en marcha dunhas obras cun orzamento estimado de 1.301.339,59 euros, no caso da L.A.T., e de 1.103.483 euros, para a subestación de Folgosa, en Ribadeo.
A liña aérea de alta tensión sosterase sobre 43 apoios, cunha lonxitude de 9.354 metros e contará cun sistema de 132 KV de intemperie de simple barra, con dúas posicións de liña e dúas posicións de transformador de potencia, ademais de dous transformadores de medida de barras.
APROBADO O CONVENIO ENTRE A CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E A FUNDACIÓN PREESCOLAR NA CASA PARA A PROMOCIÓN DO GALEGO
• O Consello da Xunta dá luz verde a este convenio a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, que contribuirá cunha contía de 180.000 euros
O Consello da Xunta aprobou hoxe o convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación Preescolar na Casa para a promoción da cultura e da lingua galegas. Grazas ao convenio, a Consellería financiará este programa con 180.000 euros a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Este programa promove o establecemento de contactos presenciais coas familias para enriquecer e, se é o caso, mellorar a educación dos nenos e nenas con idades comprendidas entre os 0 e 6 anos. A utilización de medios de comunicación en galego (internet, radio, televisión, revista) e a elaboración de diferente documentación de apoio ás familias son unha parte esencial deste programa, que conta xa con máis de tres décadas de historia.
Como compromiso derivado do convenio, Preescolar na Casa comprométese a realizar en galego diferentes servizos de divulgación e orientación ás familias. Entre estes últimos están reunións con familias antes do nacemento do fillo, xuntanzas de familias por comarcas, animación á lectura, préstamo de libros en galego ou divulgación de materiais en centros educativos, bibliotecas, concellos, centros de saúde ou maternidades.
En canto aos servizos de divulgación, Preescolar na Casa seguirá elaborando unha revista periódica de contido pedagóxico ou diferentes programas para a Televisión de Galicia e radios de ámbito autonómico, comarcal e municipal. A fundación será a encargada de organizar, xestionar e executar todas as actividades, así como facilitar ou contratar o persoal e os medios. Pola súa parte, a Secretaría Xeral de Política Lingüística supervisará a realización das actuacións, para o cal se constituirá unha comisión.
Preescolar na Casa desenvolve desde o ano 1977 un programa de educación no medio rural co obxectivo de fomentar o uso da lingua galega durante os primeiros anos. Nel intervense directamente con 4.300 familias do 90% dos concellos galegos a través dos medios de comunicación. Con todo isto, Preescolar na Casa converteuse nunha importante rede de valoración, extensión e fomento da lingua galega.
A XUNTA INVESTIRÁ 8 MILLÓNS DE EUROS ATA FINAIS DE 2010 NUN PLAN PARA GARANTIR UNHA APLICACIÓN “EFECTIVA” DAS TIC NA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA
• O Plan de Medidas Urxentes no ámbito das tecnoloxías da información establece como prioridades as actuacións específicas no eido da xustiza, a definición do modelo de e-goberno de Galicia e a ordenación das actuacións en materia de telecomunicacións
• O Plan TIC de Medidas Urxentes (PMU) é o primeiro paso na planificación estratéxica no ámbito tecnolóxico da Xunta de Galicia
A Xunta de Galicia investirá ata decembro de 2010 8,34 millóns de euros nun Plan de Medidas Urxentes no ámbito das tecnoloxías da información e a comunicación, co obxectivo de mellorar o funcionamento dos servizos tecnolóxicos que dan soporte á actividade da Xunta de Galicia, facendo especial fincapé naqueles ámbitos de actuación que se identificaron como prioritarios coa colaboración de todos os departamentos da Administración autonómica.
Este plan, debatido na reunión do Consello da Xunta de hoxe, é o primeiro paso na planificación estratéxica global no ámbito tecnolóxico da Xunta de Galicia. Entre os seus obxectivos están a definición do modelo de e-goberno da Comunidade, a aplicación efectiva das novas tecnoloxías na Administración de xustiza e a configuración dun Plan director de telecomunicacións.
O Plan TIC de Medidas Urxentes identifica as primeiras medidas cara a construír un modelo efectivo de organización TIC do Goberno galego, tendo en conta mecanismos de control que permitan optimizar o investimento e o gasto en tecnoloxía nun marco de austeridade e mellora na eficiencia dos fondos públicos. Este plan persegue, ademais, garantir o correcto funcionamento dos servizos tecnolóxicos que dan soporte aos sistemas corporativos da Xunta e, en concreto, resolver situacións críticas como as identificadas no ámbito da xustiza, para o que haberá un Plan de medidas sectorial específico.
O plan, cun período de execución nos anos 2009-2010, inclúe ademais actuacións orientadas a dar resposta tanto ás demandas da poboación como aos imperativos legais e normativos derivados do novo contexto dixital. Identifica 6 eixes prioritarios de actuación en liña cos obxectivos estratéxicos da Xunta de Galicia e iniciarase o seu desenvolvemento de xeito inmediato. Así, e con este fin, o plan recolle que aquelas liñas de actuación que excedan este período se integrarán no Plan estratéxico global da Xunta de Galicia, para o cal se iniciará neste mes de xullo o procedemento de licitación pública.
Liñas prioritarias de actuación
Establécense, así, actuacións tanto orientadas a dar resposta ás prioridades TIC da Xunta como a facer un uso máis eficiente do investimento en novas tecnoloxías. Por outra banda identifícanse 6 proxectos estratéxicos para esta lexislatura, sobre os cales xa se está a traballar.
Estes seis proxectos estratéxicos, que se inician de xeito inmediato, fixan as prioridades de actuación: o modelo de e-goberno de Galicia, os servizos multicanle e as plataformas de colaboración, o Plan de sistemas de Xustiza, o sistema de información e xestión de persoal da Administración autonómica, a consolidación dunha plataforma corporativa de sistemas e continuidade de servizo e, finalmente, o Plan director de telecomunicacións de Galicia.
En relación coa aplicación das TIC na Xunta, o plan prevé medidas orientadas a establecer modelos de coordinación en materia tecnolóxica; a optimizar e fortalecer as infraestruturas tecnolóxicas que dan soporte ao funcionamento dos diferentes departamentos; á definición dunha estratexia corporativa de portais web e plataformas de colaboración; ao deseño dun modelo de e-administración coordinado cun plan de modernización da Administración pública; e ao deseño no eido da xustiza dun Plan TIC sectorial que dea resposta a un novo modelo de oficina xudicial.
Así mesmo, o Goberno galego tamén adecuará a contratación en materia tecnolóxica ao contexto económico e ao Plan de austeridade posto en marcha polo presidente da Xunta cunha optimización dos procesos de licitación e adquisición, co seguimento e control de proxectos, e coa revisión de gastos de mantemento e de estrutura.
Con este Plan de Medidas Urxentes o Goberno galego traza a folla de ruta no ámbito tecnolóxico para os anos 2009-2010, dando resposta ás carencias máis urxentes no ámbito TIC da Xunta de Galicia. Paralelamente á súa execución, levarase a cabo a elaboración do Plan estratéxico global, que será o instrumento fundamental para orientar a política tecnolóxica da Xunta de Galicia nos vindeiros anos.
O PLAN DE CHOQUE FRONTE Á CRISE MOBILIZARÁ 1.224 MILLÓNS DE EUROS CON 40 MEDIDAS DE DINAMIZACIÓN ECONÓMICA
• A conselleira de Facenda presentou ao Consello da Xunta este paquete que suporá un pulo para superar a crise e para compensar os seus efectos nas familias e nas empresas
• O plan busca o fomento do emprego, da produtividade e do tecido industrial, así como o apoio ás familias e á liquidez das empresas
A conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, presentou hoxe ao Consello da Xunta un borrador do Plan de Choque fronte á crise, que vai mobilizar recursos orzamentarios por importe de 1.224 millóns de euros, polo que suporá un gran pulo cara á superación da difícil situación económica e unha compensación dos seus efectos sobre as familias e as empresas.
Este paquete inclúe 40 medidas de dinamización económica, en torno a catro liñas de actuación, que son o fomento de emprego; da produtividade e do tecido industrial; apoio ás familias e outras medidas sociais; e operacións de financiamento e avais co obxecto de mellorar a liquidez das empresas.
Para o fomento do emprego están reservados 178 millóns de euros, que servirán para a contratación de traballadores que esgotasen a prestación por desemprego (90,1 millóns de euros), para o fomento do emprego entre as persoas que remataron estas prestacións (57,1 millóns de euros), para plans de formación e outras axudas aos traballadores (24,4 millóns de euros) e para plans de recolocación de traballadores afectados por un expediente de regulación de emprego (6,3 millóns de euros).
En canto ao fomento da produtividade e do tecido industrial, haberá 938 millóns de euros, dos cales a maior parte, 644, serán para investimento en infraestruturas, mentres que 113,5 se destinarán para medidas de dinamización do medio rural, 8,25 para o fomento da competitividade e outros 172 millóns de euros para diversas actuacións de fomento industrial.
Respecto ás medidas sociais e de apoio ás familias, haberá un montante de 35 millóns de euros, que se distribuirán en 27,7 para recursos adicionais para pagamentos de coidador no marco da Lei de dependencia, en 7 millóns de euros na redución do tipo impositivo do impostos de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados, para fomentar o acceso á vivenda a menores de 36 anos e familias numerosas e en 0,7 millóns de euros de axuda a traballadores desempregados para facilitar a súa mobilidade xeográfica.
A isto hai que engadir a modificación dos requisitos para aprazar e fraccionar o pagamento de débedas de ingresos de dereito público coa Comunidade Autónoma de Galicia, así como a racionalización do parque móbil da Xunta.
En operacións de financiamento e avais está previsto mobilizar un total de 72 millóns de euros para tratar de achegar liquidez a empresas solventes para compensar a restrición crediticia actual por mor da crise financeira, facendo unha especial referencia ás pemes.
Así, haberá un programa do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) de apoio aos investimentos no sector da automoción dotado con 60 millóns de euros, ademais de liñas de apoio ao acceso e adecuación do financiamento das pemes por un importe de 7,6 millóns de euros.
Outras medidas incluídas neste punto son 2 millóns de euros para un fondo de capital risco para a promoción do cooperativismo, 1,7 millóns de euros para o programa re-imaXina de apoio ao investimento de pemes e microempresas e 1 millón de euros para unha liña específica para comerciantes.
Este Plan de choque contra a crise incorpora os 144 millóns de euros aforrados grazas ao Plan de Austeridade aprobado pola Xunta e materializa o compromiso do Goberno galego coa reactivación da economía, cos traballadores con medidas tendentes á recuperación do emprego, cos autónomos e comerciantes mediante liñas de financiamento e, en xeral, cos sectores produtivos de Galicia.
A MODIFICACIÓN DA LEI DE ORDENACIÓN URBANÍSTICA DE GALICIA REDUCIRÁ NUN 33% O TEMPO DE TRAMITACIÓN DOS PLANS MUNICIPAIS POLA XUNTA
• Haberá unha reunión coa FEGAMP para expoñer a dita modificación
• O departamento que dirixe Agustín Hernández ampliará a competencia municipal para o outorgamento das licenzas en solo rústico
• O anteproxecto fixa catro tipos posibles de núcleos rurais nos plans xerais municipais e reduce os prazos para a concesión de licenzas de obra
• Na modificación plantéxase facilitar e simplificar as segregacións en solos de núcleos rurais
• O novo texto legal integrará as peticións propostas polos concellos galegos
O Consello da Xunta foi informado esta mañá dos principais aspectos do anteproxecto da modificación parcial e urxente da Lei de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Lei 9/2002), na que está a traballar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Nese sentido, unha das novidades que achegará este texto legal é a redución da tramitación autonómica dos plans. Na liña de lograr unha maior eficacia, o texto prevé acurtar de tres a dous meses (un 33,33% menos) os prazos das sucesivas intervencións autonómicas no procedemento de aprobación, agás no caso da aprobación definitiva do plans xerais, que se mantén en tres meses.
Outras da novidades pivotan no aumento da iniciativa, a participación e a responsabilidade municipal na planificación urbanística. Este feito simplificará e integrará todos os procedementos que permitan a tramitación do planeamento nun prazo máis razoable.
Por outra banda, a avaliación ambiental pasará a constituír parte do propio contido dos instrumentos de ordenación urbanística, tramitándose de forma unitaria, e refórzase a cooperación dos distintos departamentos autonómicos no proceso de documentación e información para a redacción dos instrumentos de ordenación.
Axilidade nas licenzas de obra
O anteproxecto dará unha solución aos problemas que a actual regulación presenta respecto do solo rústico que, pola súa natureza produtiva, require un esforzo suplementario para regulalo de forma adecuada e eficaz.
Entre a casuística de usos permitidos segundo as diferentes categorías de protección do solo rústico, amplíase o recoñecemento da competencia municipal para o outorgamento das licenzas –sen necesidade de autorización autonómica previa- en todas aquelas obras ou instalacións directamente vinculadas cunha explotación de recursos naturais (naves gandeiras, silos agrícolas...).
Así mesmo, a modificación tamén suporá unha maior axilidade no outorgamento de licenzas en solo rústico para obras maiores –aquelas que requiren proxecto técnico completo-, polo que o tempo máximo de concesión de licenza se reducirá nun 60%. Isto será factible ao manterse unicamente os tres meses de prazo municipal, eliminarse os tres meses necesarios para a autorización autonómica e reducirse o tempo de envío da solicitude e o traslado do acordo de autorización.
Na concesión de licenzas para obras menores –aquelas de escasa entidade construtiva e económica- apréciase unha maior redución, xa que o tempo máximo de concesión de licenza se acurta nun 80%. As causas deste acurtamento de prazos débese a que unicamente se mantén o prazo municipal dun mes, elimínanse os tres meses de prazo autonómico e o tempo preciso para os trámites de petición e traslado.
Novos núcleos rurais
O novo documento normativo en que traballa a Xunta de Galicia tamén trata de adecuar o contido da lei á realidade do asentamento da poboación no medio rural de Galicia. Nese sentido, proponse unha definición de núcleo rural que recolla todos os tipos de agrupacións que ata o de agora carecen dunha regulación específica. Con esta medida rómpese coas formulacións anteriores, que impedían a posibilidade de delimitacións que desen resposta ás necesidades de crecemento e desenvolvemento dos asentamentos rurais. Coa formulación anterior inviabilizábanse os plans xerais da maior parte dos municipios, nos cales o asentamento predominante é o rural.
A futura lei de ordenación establecerá que serán os propios plans xerais os que establecerán o réxime urbanístico dos núcleos rurais, polo que se recuperará o protagonismo dos plans xerais para establecer a ordenación detallada dos núcleos rurais e prever o alcance e os termos das actuacións de carácter integral neles.
O anteproxecto fixa catro tipos posibles de núcleos rurais nos plans xerais municipais: núcleo rural histórico tradicional, que recolle o carácter esencial do núcleo rural que mantiña a lei; núcleo rural consolidado, limitado polo grao de consolidación da edificación que será igual ou superior ao 50% da superficie; núcleo rural non consolidado, neste caso o grao de consolidación da edificación sitúase entre un 33 e un 50%; e núcleo rural complexo, caracterizado pola concorrencia e compatibilidade de características propias do núcleo tradicional e de calquera dos outros dous establecidos.
No documento tamén se recupera o Plan especial de ordenación de núcleo rural que, formulado e aprobado pola administración local, terá unhas funcións de apoio e desenvolvemento do plan xeral no solo de núcleo rural análogas ás que os plans especiais de reforma interior (PERI) manteñen no solo urbano consolidado. Cando este plan especial se formule cun contido limitado, a súa tramitación tamén se axustará a un procedemento máis sinxelo, similar ao previsto para a aprobación dos estudos de detalle.
Por último, no ámbito dos núcleos rurais avánzase nunha maior incidencia na protección e recuperación de elementos característicos da arquitectura rural e na conservación da morfoloxía dos núcleos históricos tradicionais, da súa estrutura parcelaria histórica e dos seus usos tradicionais, que se fan obxecto dun planeamento especial de estrita natureza protectora.
Eixes fundamentais
O anteproxecto modificará 42 dos 237 artigos da Lei de ordenación urbanística de Galicia (preto dun 20%), así como unha disposición adicional e dúas transitorias. Este novo documento ten como eixes fundamentais a potenciación da colaboración da Xunta de Galicia cos concellos en materia urbanística, para facilitar e simplificar a elaboración dos planeamentos municipais. Outra das finalidades é darlle resposta á problemática derivada dos núcleos rurais e a regulación do solo rústico, tratando de axustarse á realidade rural de Galicia.
Con esta medida, a Xunta de Galicia trata de recoller as propostas formuladas no seu día pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), solucionar as eivas que presenta a actual lexislación e contribuír a regular a delimitación urbanística das arredor de 30.000 entidades singulares de poboación existentes en Galicia, e de forma especial dos máis de 10.200 núcleos que teñen un mínimo de 10 edificacións.
O novo texto legal pretende integrar as peticións do municipalismo galego que non foron tidas en conta nunha anterior revisión da lei, levada a cabo en maio de 2007 (Lei 6/2007), así como os procedementos ordenados pola Lei estatal 9/2006, que regula a avaliación ambiental estratéxica dos plans emanada da directiva europea.
Nas vindeiras semanas este texto será enviado á FEGAMP, aos grupos parlamentarios, ao Consello Económico e Social e as diversas asociacións e entidades relacionadas co seu ámbito de aplicación. Deste xeito, teranse en conta todas as opinións e suxestións que permitan lograr o maior consenso na súa redacción definitiva. O documento final será remitido, posteriormente e de novo, ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación e, convertido xa en proxecto de lei, será trasladado ao Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación.
A XUNTA DE GALICIA VAI ELABORAR UN PLAN DE ACTUACIÓN SOCIOSANITARIO
• Para tal efecto, vai poñer en marcha un grupo de traballo formado por tres representantes da Consellería de Sanidade, tres da de Traballo e Benestar, e dous ou máis expertos de recoñecido prestixio
• O dito plan recollerá os usuarios, as prestacións e os niveis de intervención, así como a coordinación entre a iniciativa social, pública, privada e os distintos niveis e servizos hospitalarios e de atención primaria
A Xunta de Galicia vai proceder a elaborar un Plan de Actuación Sociosanitario que especifique e articule os mecanismos de coordinación dos servizos sanitarios e sociais, e que defina o ámbito de actuación que perseguen. O grupo de traballo que elaborará o plan estará formado por tres representantes da Consellería de Sanidade, tres representantes da Consellería de Traballo e Benestar e, ademais, dous ou máis expertos de recoñecido prestixio.
Este grupo de traballo de atención sociosanitaria presentará o plan á Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia, que será quen proceda a establecer os mecanismos necesarios para a súa posta en funcionamento.
O dito plan deberá recoller, entre outros aspectos, os usuarios sociosanitarios; as prestacións; os niveis de intervención; a coordinación entre a iniciativa social, pública, privada e os distintos niveis e servizos hospitalarios e de atención primaria, e outras institucións; e, ademais, tamén deberá recoller a corresponsabilidade no financiamento da atención sociosanitaria.
Así mesmo, o executivo que preside Núñez Feijóo considera que o dito plan é necesario para dispor dunha linguaxe e metodoloxía comúns; para definir e detallar os criterios que seguir co fin de orientar o acceso á atención sociosanitaria de forma bidireccional; para elaborar os circuítos, procedementos de actuación e os procesos entre as distintas institucións e servizos implicados; e, ademais, para unificar os métodos e procedementos de avaliación de dependencia.
Para conseguir todos estes obxectivos faise necesario non só a coordinación, senón, tamén, a colaboración, integración, corresponsabilidade e complementariedade entre os distintos niveis de atención, evitando así a duplicidade dos recursos ou o mal uso destes.
Para tal efecto, vai proceder a elaborarse un mapa dos recursos existentes na Comunidade, tanto públicos como privados, definindo distintas categorías e as súas carteiras de servizo. Ademais, estableceranse os criterios para a optimización deses recursos así como dos distintos tipos de atención, ben sexa domiciliaria, centro de día, residencia asistida ou hospitalización, entre outras.
Tamén se redactarán, consensuadamente, os protocolos e os procedementos de actuación, nos cales se defina o tipo de atención que deba prestarse.
Reorganización dos servizos sanitarios e sociais
A Xunta de Galicia considera que os cambios sociais e o aumento da demanda de coidados profesionais, sociais e sanitarios a persoas en situación de dependencia requiren unha reorganización dos servizos sanitarios e sociais para dar resposta a estas necesidades e buscar a súa eficiencia.
Na Lei 63/2003 de cohesión e calidade do Sistema Nacional de Saúde, o artigo 14 define a prestación sociosanitaria como a atención que comprende o conxunto de coidados destinados a aqueles enfermos, xeralmente crónicos, que polas súas características se poden beneficiar da actuación simultánea e sinérxica dos servizos sanitarios e sociais, co fin de aumentar a súa autonomía, paliar as súas limitacións ou sufrimentos e facilitar a súa reinserción social.
Así mesmo, na Lei 8/2008 de saúde de Galicia, vén recollido que a continuidade da prestación estará garantida polos servizos sanitarios e sociais, a través da adecuada coordinación entre as administracións públicas correspondentes, así como entre os departamentos competentes en materia de sanidade e de servizos sociais da Xunta de Galicia.
En consecuencia, e coa finalidade de avanzar nos traballos que vai desenvolver a Comisión Interdepartamental de Coordinación da Atención Sociosanitaria de Galicia, é polo que o actual executivo galego crea este grupo de traballo.