Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- .- O Consello da Xunta foi informado esta mañá dos principais aspectos do anteproxecto da modificación parcial e urxente da Lei de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia (Lei 9/2002), na que está a traballar a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas.
Nese senso, unha das novidades que achegará este texto legal é a redución da tramitación autonómica dos plans. Na liña de lograr unha maior eficacia, o texto prevé acurtar de tres a dous meses (un 33,33% menos) os prazos das sucesivas intervencións autonómicas no procedemento de aprobación, agás no caso da aprobación definitiva do Plans Xerais que se mantén en tres meses.
Outras da novidades pivotan no aumento da iniciativa, a participación e a responsabilidade municipal na planificación urbanística. Este feito simplificará e integrará todos os procedementos que permitan a tramitación do planeamento nun prazo máis razonable.
Por outra banda, a avaliación ambiental pasará a constituír parte do propio contido dos instrumentos de ordenación urbanística, tramitándose de forma unitaria, e refórzase a cooperación dos distintos departamentos autonómicos no proceso de documentación e información para a redacción dos instrumentos de ordenación.
Axilidade nas licenzas de obra
O anteproxecto dará unha solución aos problemas que a actual regulación presenta respecto do solo rústico que, pola súa natureza produtiva, require dun esforzo suplementario para regulalo de forma adecuada e eficaz.
Entre a casuística de usos permitidos segundo as diferentes categorías de protección do solo rústico, amplíase o recoñecemento da competencia municipal para o outorgamento das licenzas –sen necesidade de autorización autonómica previa- en todas aquelas obras ou instalacións directamente vinculadas cunha explotación de recursos naturais (naves gandeiras, silos agrícolas...).
Asemade, a modificación tamén suporá unha maior axilidade no outorgamento de licenzas en solo rústico para obras maiores –aquelas que requiren proxecto técnico completo-, polo que o tempo máximo de concesión de licenza reducirase nun 60%. Isto será factible ao manterse unicamente os tres meses de prazo municipal, eliminarse os tres meses necesarios para a autorización autonómica, e reducirse o tempo de envío da solicitude e o traslado do acordo de autorización.
Na concesión de licenzas para obras menores –aquelas de escasa entidade construtiva e económica- apreciase unha maior redución, xa que o tempo máximo de concesión de licenza se acurta nun 80%. As causas deste acurte de prazos débese a que unicamente se mantén o prazo municipal dun mes, elimínanse os tres meses de prazo autonómico e o tempo preciso para os trámites de petición e traslado.
Novos núcleos rurais
O novo documento normativo no que traballa a Xunta de Galicia tamén trata de adecuar o contido da Lei á realidade do asentamento da poboación no medio rural de Galicia. Nese senso, proponse unha definición de núcleo rural que recolla todos os tipos de agrupacións que ata o de agora carecen dunha regulación específica. Con esta medida rómpese coas formulacións anteriores, que impedía a posibilidade de delimitacións que desen resposta ás necesidades de crecemento e desenvolvemento dos asentamentos rurais. Coa formulación anterior inviabilizábanse os plans xerais da maior parte dos municipios, nos que o asentamento predominante é o rural.
A futura lei de ordenación establecerá que serán os propios plans xerais os que establecerán o réxime urbanístico dos núcleos rurais, polo que se re recuperará o protagonismo dos plans xerais, para establecer a ordenación detallada dos núcleos rurais e prever o alcance e os termos das actuacións de carácter integral neles.
O anteproxecto fixa catro tipos posibles de núcleos rurais nos plans xerais municipais: núcleo rural histórico tradicional, que recolle o carácter esencial o núcleo rural que mantiña a Lei; núcleo rural consolidado; limitado polo grao de consolidación da edificación que será igual ou superior ao 50% da superficie; núcleo rural non consolidado, neste caso o grao de consolidación da edificación sitúase entre un 33 e 50%; e núcleo rural complexo, caracterizado pola concorrencia e compatibilidade de características propias do núcleo tradicional e de calquera dos outros dous contemplados.
No documento tamén se recupera o Plan Especial de Ordenación de Núcleo Rural que, formulado e aprobado pola administración local, terá unhas funcións de apoio e desenvolvemento do plan xeral no solo de núcleo rural análogas ás que os Plans Especiais de Reforma Interior (PERI) manteñen no solo urbano consolidado. Cando este plan especial se formulen cun contido limitado, a súa tramitación tamén se axustará a un procedemento máis sinxelo, similar ao previsto para a aprobación dos estudos de detalle.
Por último, no ámbito dos núcleos rurais avánzase nunha maior incidencia na protección e recuperación de elementos característicos da arquitectura rural e na conservación da morfoloxía dos núcleos históricos tradicionais, da súa estrutura parcelaria histórica e dos seus usos tradicionais, que se fan obxecto dun planeamento especial de estrita natureza protectora
Eixes fundamentais
O anteproxecto modificará 42 dos 237 artigos da Lei de ordenación urbanística de Galicia (preto dun 20%), así como unha disposición adicional e dúas transitorias. Este novo documento ten como eixes fundamentais a potenciación da colaboración da Xunta de Galicia cos concellos en materia urbanística, para facilitar e simplificar a elaboración dos planeamentos municipais. Outra das finalidades é darlle resposta á problemática derivada dos núcleos rurais e a regulación do solo rústico, tratando de axustarse á realidade rural de Galicia.
Con esta medida, a Xunta de Galicia trata de recoller as propostas formuladas no seu día pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), solucionar as eivas que presenta a actual lexislación e contribuír a regular a delimitación urbanística das arredor de 30.000 entidades singulares de poboación existentes en Galicia, e de forma especial dos máis de 10.200 núcleos que teñen un mínimo de 10 edificacións.
O novo texto legal pretende integrar as peticións do municipalismo galego que non foron tidas en conta nunha anterior revisión da lei, levada a cabo en maio de 2007 (Lei 6/2007), así como os procedementos ordenados pola Lei estatal 9/2006, que regula a Avaliación Ambiental Estratéxica dos plans emanada da Directiva europea.
Nas vindeiras semanas este texto será enviado á FEGAMP, aos grupos parlamentarios, ao Consello Económico e Social e as diversas asociacións e entidades relacionadas co seu ámbito de aplicación. Deste xeito, teranse en conta todas as opinións e suxestións que permitan lograr o maior consenso na súa redacción definitiva. O documento final será remitido, posteriormente e de novo, ao Consello da Xunta de Galicia para a súa aprobación e, convertido xa en proxecto de lei, trasladado ao Parlamento de Galicia para o seu debate e aprobación.