Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Caixa de Anticipos, organismo autónomo da Deputación, aprobou a concesión de préstamos a 12 concellos da provincia por un importe total de 1.412.777 euros.
Con esta operación a Deputación Provincial busca respaldar e reactivar os investimentos previstos polos concellos que viron reducidos os seus ingresos como consecuencia da conxuntura económica actual. No sur da provincia, recibirán os mencionados anticipos os seguintes concellos:
Fornelos de Montes recibirá da Caixa de Anticipos 38.000 euros. Este importe será investido na mellora do alumeado público e na redución do consumo eléctrico das instalacións municipais.
Pazos de Borbén, pola súa banda, percibirá 17.496,69 euros, importe que será investido na redacción dos documentos necesarios para poder realizar as obras de saneamento no núcleo de Amoedo.
O Concello de Salvaterra de Miño recibirá da Caixa de Anticipos 104.627,10 euros. Este orzamento será investido no pago das expropiacións dunha parcela na rúa Escuela.
O Concello de Baiona pola súa banda percibirá 180.088,75 euros que servirán para financiar obras en vías públicas; equipamentos informáticos; melloras deportivas e diversas inversións nos apartados de cultura, medio ambiente e educación.
Mondariz recibirá un adianto económico de 300.000 euros que serán investidos no saneamento dos nas parroquias de Mouriscados e Poñe; así como no centro cultural do municipio.
O Concello de As Neves recibirá un anticipo de 45.000 euros. Neste caso este orzamento será investido na adquisición dun tractor agrícola con desbrozadora hidráulica e pala cargadora.
A Caixa de Anticipos é un organismo autónomo adscrito ó servizo de Cooperación. Foi constituída no Pleno da Corporación Provincial do ano 1957 coa finalidade de facilitarlles ós concellos da provincia as operacións de préstamo a curto prazo, cun máximo de dez anos e sen intereses.
Esta caixa financia sen xuros investimentos de entidades locais cunha poboación inferior ós 25.000 habitantes. A concesión destes préstamos realízase en base a criterios obxectivos preestablecidos nunhas bases e tramítanse en réxime de concorrencia competitiva.