Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O programa “Actívate” ofrece unha ampla selección de cursos ós mozos da provincia de Pontevedra con idades comprendidas entre os 16 e os 35 anos. Os obradoiros levaranse a cabo durante os meses de setembro, outubro e novembro deste ano, terán unha duración de 30 horas e impartiranse nos propios concellos dos solicitantes.
A esta iniciativa, que vai dirixida ós concellos de menos de 50.000 habitantes, adheríronse todos os municipios da provincia agás Redondela e Rodeiro. Vigo e Pontevedra quedaron fora da convocatoria por superar o número de cidadáns.
O catálogo dos cursos é moi variado; abarca materias como a fotografía por Internet; debuxo e pintura; fotografía; inglés, francés e portugués; informática; Internet; monitores de tempo de lecer; coidadores de axuda no fogar; auxiliar de gardería; cociña e repostería; mecánica do automóbil; prevención de riscos laborais; alcoholismo e drogodependencias; poda e xardinería; maquillaxe e estética; corresponsabilidade; costura e bordado e por último albanelería.
As solicitudes deben ser presentadas nos rexistros dos respectivos concellos antes do 20 de xullo, axuntando o modelo de impreso debidamente cuberto, unha fotocopia do DNI ou pasaporte, o certificado de empadroamento e, no caso de tela, a tarxeta de demandante de emprego. O impreso de solicitude pódese conseguir na páxina da Deputación de Pontevedra, www.depontevedra.es.
O número de participantes en cada un dos cursos virá determinado pola empresa encargada da xestión, Formagal, Formación e Servizos S.L. No caso de que haxa máis solicitantes que prazas seleccionarase en primeiro lugar ás persoas que estean buscando emprego, en segundo posto terase en conta o rexistro de entrada das solicitudes e, de ser necesario, darase preferencia os mozos de maior idade.