07 julio 2009

Después de que el gobierno del que formó parte tuviese debajo de un diente el asunto, Feijóo resucita ahora la colaboración Galiza-Norte Portugal

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o presidente da Comisión de Coordinación e Desenvolvemento Rexional do Norte de Portugal, Carlos Lage, manifestaron hoxe o seu compromiso co relanzamento da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal para reforzar a cooperación transfronteiriza e consolidar o papel da Eurorrexión no novo escenario europeo. Ambos os dous mandatarios deixaron constancia do inicio “dunha nova etapa na cooperación” no memorando que asinaron logo da xuntanza que mantiveron esta mañá en Porto e na que acordaron a creación dun “grupo de reflexión” que deseñe a reforma da Comunidade de Traballo.

Na súa primeira visita a un país estranxeiro como presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, manifestou o seu “compromiso político” coa Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, lembrando que se trata dunha organización pioneira na península ibérica no eido da cooperación transfronteiriza entre entes subestatais. Desde a súa creación en 1991, apuntou, foi o “motor da cooperación entre os dous territorios”, que ocupou sempre un papel de liderado, recoñecido mesmo pola Comisión Europea.

Feijóo e Lage sinalaron que a aparición de novos axentes de cooperación fai necesario relanzar a Comunidade de Traballo para que asuma un “papel vertebrador, coordinando as diferentes actuacións, intervindo en novos ámbitos de cooperación e liderando aos diferentes actores implicados”. Nesa liña, anunciaron que un “grupo de reflexión” preparará o documento base coas modificacións operacionais e as novas liñas políticas.

O presidente galego mostrouse convencido da necesidade de coordinar actuacións conxuntas da Comunidade de Traballo e dos seus membros, así como dos Gobernos de España e Portugal para que “as necesidades da Eurorrexión se vexa reflectidas nas directrices europeas para o próximo período de programación comunitaria de carácter financeiro para o período 2014-2020. Nese sentido, o titular da Xunta sinalou que a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal impulsará unha acción de lobby sobre a Comisión Europea.

Será, manifestou Feijóo, “un lobby de influencia en Europa, en Bruxelas e Estrasburgo” que traballará para preparar o período-marco financeiro do 2014-2020 dos fondos europeos INTERREG, co obxecto de “recuperar o diñeiro perdido na última negociación, onde pasamos de 600 millóns de euros a 200 millóns”.

Cooperación de segunda xeración

“Estamos nun novo tempo. Temos que poñer en marcha a cooperación de segunda xeración”, afirmou o presidente galego, quen incidiu na necesidade de fixar os obxectivos en consonancia coa situación actual, adaptando os instrumentos existentes e incluíndo aos novos actores emerxentes.

Así, avogou por unha “intensificación” da participación da Comunidade de Traballo en todos os asuntos relacionados coa cooperación transfronteiriza e integrando nela aos novos actores que foron xurdindo neste tempo.

O máximo mandatario autonómico informou do acordo de creación, no seo da Comunidade de Traballo, de dúas novas comisións sectoriais, unha de Cultura e Universidades, que incluirá ademais temas de lingua, educación e turismo, e outra de Xuventude. Feijóo sinalou que a comisión de Cultura e Universidades permitiría aproveitar as sinerxías do Xacobeo 2010 e da Capitalidade Europea de Guimaraes en 2012.

Por outra banda, remarcou que a complementariedade da oferta do Norte de Portugal e de Galicia xera sinerxías para formar paquetes turísticos integrados en sectores emerxentes, como o turismo termal e de auga, o relixioso, ou o de natureza. Ao mesmo tempo, indicou que a complementariedade permitiría acadar resultados como a promoción conxunta en destinos lonxanos que serían moito máis difíciles se cada un actuase por separado.

En relación coa futura comisión de xuventude, o xefe do Executivo autonómico sinalou que a súa función será integrar e representar ao mundo asociativo xuvenil transfronteirizo, dándolle protagonismo a un colectivo con importantes potencialidades no marco do voluntariado, nos deportes, nas iniciativas empresariais e na creatividade.

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial arrincará en outubro

Durante a xuntanza, ambos os mandatarios revisaron o papel futuro dos diferentes organismos integrantes da Comunidade de Traballo. Así, puxeron en valor o rol do Eixo Atlántico como “voz urbana da Eurorrexión”, e da Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), que será, “o brazo executor das políticas de cooperación que se definan entre Santiago e Porto, no seo da Comunidade de Traballo”.

O presidente da Xunta subliñou que na xuntanza de hoxe se acordou fixar o mes de outubro como “data máxima para empezar a funcionar” a Agrupación Europea de Cooperación Territorial, un organismo que terá a sede definitivamente en Vigo, un director portugués e un director adxunto galego. Feijóo apuntou que a AECT “aínda non arrincou”, e confiou en que en outono se poidan presentar xa os seus “contidos e datas concretas” e empece a funcionar como “o motor técnico para poñer en valor a cooperación interrexional”.

En relación coa Fundación Galicia-Europa, o titular da Xunta sinalou que esta terá unha área especificamente dedicada á cooperación transfronteiriza e colaborará coa Comunidade de Traballo no deseño da estratexia e na busca de socios que colaboren para influír nas autoridades comunitarias na preparación das vindeiras perspectivas financeiras para 2014. Ademais, sinalaron que se impulsará a actividade dos concellos, freguesías e parroquias, que desenvolven actuacións máis “apegadas ao terreo” en eidos materiais facilmente perceptibles polo cidadán.

Feijóo e Lage coincidiron finalmente en destacar a importancia de impulsar a “eurocidade” Verín-Chaves, como unha experiencia pioneira que pode servir de modelo exportable para outras actividades semellantes que, canalizadas a través da Comunidade de Traballo, se estendan a outras áreas de ambos os dous lados da fronteira.

Alberto Núñez Feijóo realizou ademais un chamamento ás entidades públicas e privadas para que se impliquen na consolidación da Eurorrexión para darlle unha maior dimensión económica e proxección exterior, acadando así unha auténtica “cooperación en rede”.