Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán conta coa denominación de Parque Natural dende o 5 de xuño de 1992. Enténdese por Parque Natural todo espazo que ten unhas características biolóxicas ou paisaxísticas especiais que o fan acadar este rango superior de protección. Este parque natural sitúase no extremo suroeste da provincia da Coruña, concretamente na península do Barbanza. Corrubedo e Aguiño son poboacións limítrofes con este espazo.
Trátase dun extenso sistema dunar en avanzado estado de evolución, de gran valor natural e paisaxístico. Constitúe, segundo os especialistas, a mellor e máis extensa representación deste tipo de ambientes en Europa. Alberga unha gran variedade de tipos de hábitat en bo estado de conservación nun espazo relativamente reducido.
O conxunto xeolóxico do parque natural formouse hai uns 15.000 anos, cando a erosión e a acumulación de area polo vento orixinou unha barreira areosa que pechou a primitiva badía. Isto deu lugar a que se formase unha masa de auga encorada que constitúe a actual zona húmida do Carregal. Trátase dunha lagoa litoral semipechada comunicada co mar mediante pequenas canles.
O dominio climático neste parque natural é híper-húmido, cunha precipitación media anual de arredor dos 1.244 mm, unha temperatura media de 14,6ºC e ausencia total de xeadas.A fronte do Parque Natural constitúea unha serie de praias areosas (A Ladeira-Ferreira, A Lagoa, O Vilar, Anguieiro) que se estende o longo duns 5 km. Tras a Praia da Ladeira, encóntrase unha gran duna móbil de preto de un quilómetro de lonxitude e unha altura duns 15 m. A duna avanza impulsada polos ventos cara o interior en lento e constante movemento. A outra lagoa, a de Vixán, está totalmente illada do mar, polo que as súas augas son dóces ou pouco salobres.
Outras figuras de protección coas que tamén conta este Parque Natural son: Zona de Especial Protección dos Valores Naturais; Zona húmida Protexida; Lugar de Importancia Comunitaria; Zona de Especial Protección para as aves e Zona Ramsar.
Flora
É un dos ecosistemas con maior riqueza de flora e de comunidades vexetais ben conservadas que lle confire un carácter de orixinalidade e rareza digno de mención. Destaca a vexetación das praias e os sistemas dunares. Soamente estes medios albergan unhas 200 especies de fanerógamas, algunhas incluídas nos catálogos de plantas endémicas,raras ou ameazadas. Na lagoa do Carregal e Artes abundan a vexetación de marismas e xunqueiras salobres e halófilas. Nos solos máis evolucionados que rodean o complexo litoral desenvólvese un bosque de repoboación de piñeiro marítimo e piñeiro insigne.
Fauna
As especiais condicións biolóxicas deste ecosistema litoral convérteno na principal área de cría dun gran número de especies de invertebrados e peixes que habitan na costa circundante. Entre as que destaca a presenza dalgunhas especies ameazadas como o odonato, o cerambícido ou o carábido.
Por todas estas características de rica beleza paisaxística e tamén vexetal compre salientar a súa especial protección e lembrar a súa condición de Parque Natural.