Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, mantivo hoxe unha reunión no seu despacho de San Caetano co alcalde da Cañiza, César Mera, onde o rexedor municipal transmitiulle os problemas existentes coa depuradora desta localidade.
Hernández informou ao edil pontevedrés que Augas de Galicia está a supervisar o anteproxecto para a construción dunha nova depuradora, que contará cun orzamento superior aos dous millóns de euros e que se ubicará no mesmo lugar que a actual.
Agustín Hernández explicoulle ao mandatario municipal que esta infraestrutura xa estaba proxectada polo Goberno bipartito, pero remarcoulle que, nos case catro anos do anterior Executivo, non se levou a cabo ningún outro trámite a maiores, nin existía ningún orzamento asignado a esta depuradora.
Colaboración entre administracións
No transcurso da xuntanza, o conselleiro de Medio Ambiente concretoulle ao alcalde da Cañiza que Augas de Galicia enviará, a próxima semana, ao concello o anteproxecto co fin de que se leven a cabo os trámites de colaboración necesarios entre a Xunta de Galicia e o municipio da Cañiza nesta actuación.
Unha vez realizado este trámite, o Goberno galego procederá a executar esta infraestrutura que considera imprescindible, xa que os vertidos afectan a un afluente do río Miño.