Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Os parlamentares do BNG no Congreso dos Deputados votaron en contra do Real Decreto 9/2009, de 26 de xuño, sobre reestructuración bancaria e pediron a súa tramitación como proxecto de lei a fin de poder melloralo en cuestións como as relativas ás competencias das CC.AA no tema das caixas de aforro.
Na súa intervención perante a Cámara, o portavoz do BNG no Congreso subliñou que “compartimos a necesidade dunha intervención e ordenación pública do sector financieiro en lugar dunha sucesión de medidas puntuais e inconexas” pero, amosou “as nosas profundas discrepancias sobre os contidos do Decreto que se somete a convalidación”. Nesa liña pasou a enumerar as razóns do BNG para se opór a esta normativa.
Perigo de concentración e deslocalización no sector das caixas
En primeiro termo, indicou que “deixa a porta aberta a unha concentración excesiva no sector das caixas de aforro e a unha deslocalización dos centros de decisión das mesmas”. En relación a este tema, sinalou que se trata de entidades financieiras especiais “dada a súa natureza fundacional, o destino dos seus beneficios a obra social e o seu deber de contribuir ao obxectivo xeral de mellorar o grao de desenvolvemento socio económico do territorio onde están, de aí a súa importanza para o desenvolvemento dunha Comunidade”.
Ademáis, afirmou que o Decreto abre a vía a unha reordenación centralizada do mapa das caixas “valdeirando así de contido as competencias das CC.AA posto que non é necesaria a súa autorización con carácter vinculante”. Outro dos elementos negativos é que tamén se abre a porta a “unha perda de peso das caixas no conxunto do sistema financieiro ao permitir, coa intermediación do FROB a súa absorción pola banca comercial”.
Maiores garantías para os fondos públicos movilizados e non a políticas de socialización das perdas do sector privado
En segundo lugar, Jorquera manifestou a oposición do BNG “a políticas de intervención que se traduzan nunha socialización das perdas orixinadas polo sector privado”.
Neste sentido, falou de maiores garantías para que as entidades de créditos que sexan administradas polo FROB teñan que reintegrar, según obteñan beneficios, o carto público investido na súa capitalización cos conseguintes intereses. Tamén, indicou, “é imprescindíbel que esta intervención vaia acompañada de mecanismos que aseguren que os recursos públicos movilizados se traduzan en maiores facilidades no acceso ao crédito de pemes, autónomos e particulares”.
Ordenación do crédito e control dos fondos debe ser responsabilidade do Executivo
Recalcou que a ordenación do crédito e a supervisión e control dos fondos públicos comprometidos debe ser responsabilidade “ante todo do poder executivo, sempre sometido a control partidario”. Jorquera afirmou “non entender o papel preponderante que se lle dá neste proceso ao Banco de España, que vai máis alá das funcións meramente operativas e executivas”.
“Isto é tanto como pór ao raposo a coidar das galiñas”, advertiu o deputado do BNG. E puxo de manifesto a “propensión do Gobernador do Banco de España a intentar impór as súas receitas ultraliberais na política económica”. Lembrou que a independencia dos bancos centrais foron unha das causas desta crise. “Independencia respeito aos poderes democráticos pois é evidente a súa dependencia dos grandes poderes financieiros”.
BNG pede que se eviten os excesos remunerativos en directivos de entidades con apoio do FROB
Finalmente, Francisco Jorquera salientou unha ausencia: non se establece como condición para as entidades que teñan apoio do FROB que os seus directivos se sometan a un réxime claro de retribucións, acorde co contemplado no sector público, evitando así excesos remunerativos en entidades que van receber un aporte de recursos públicos”.