Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O deputado do BNG no Parlamento
Galego, Bieito Lobeira, ven de presentar unha iniciativa na que demanda un
incremento dos medios e persoal destinados á inspección, investigación e
persecución do narcotráfico no porto de Marín.
Bieito Lobeira lembra que as costas galegas “seguen sendo a principal porta de
entrada de moitas mercadorías ilegais, e mostra diso é o incremento
considerábel que se produce cada ano das apreensións de cocaína, hachís e
outras substancias”. E iso a pesar de que “non se decomisa nen o 20% da
mercadoría que se cré que circula”.
Desmantelamento do SVA no porto de Marín
Neste sentido, o deputado do considera que “non é comprensíbel o actual
proceso de desmantelamento do Servizo de Vixilancia Alfandegueira (SVA) que
o Goberno español está a levar a cabo na Galiza”.
En concreto, Bieito Lobeira pon como exemplo o porto de Marín, onde o
“Columbo III”, unha das embarcacións máis rápidas e modernas do SVA,
“desde hai un tempo só está operativa 15 días ao mes”.
Ademais, o deputado do BNG denuncia que a situación do persoal do SVA en
Marín é “crítica, xa que as vacantes non se cubren e a idade media dos
funcionarios é elevada”.
“Mentres -critica-, o Goberno español prioriza as bases do Sul do Estado
español, malia que Galiza segue a ser a primeira porta de entrada do
narcotránsito en Europa”.