Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe que, de agora en diante, o Pacto Local terá un único órgano de interlocución co Goberno galego, e comprometeuse a consensuar cos concellos galegos as modificacións da Lei do Solo. O mandatario galego avanzou a mobilización dunha partida adicional de un millón de euros para o Fondo de Cooperación Local destinada a aliviar os problemas de gasto dos concellos con menos poboación. Estes foron os principais compromisos acadados polo titular da Xunta na xuntanza que esta mañá mantivo coa Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), e que supón “o inicio dunha nova relación coa FEGAMP baseada na lealdade, na información e na transparencia”.
Feijóo, que compareceu ante os medios xunto co presidente da FEGAMP, Carlos Fernández, subliñou que o “principio de lealdade mutua” presidirá as relacións entre a Xunta e a organización dos concellos nesta lexislatura. Nesa liña, Feijóo expresou o seu compromiso de “cumprir o Pacto Local que acabamos de herdar, e de cumprilo nun contexto de respecto, lealdade e transparencia coa Administración local”.
Nas súas declaracións, o xefe do Goberno galego detallou que na xuntanza se acordou acabar co anterior sistema, en que o Pacto Local contaba cunha comisión de seguimento por cada consellería, a unha nova etapa na que haberá unha “única interlocución”. Será, explicou, a través dunha comisión de seguimento que se reunirá con periodicidade bimensual e que presidirá o conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, coa incorporación de distintos membros da Xunta. Isto permitirá e evitar que os concellos “teña que peregrinar polas distintas consellerías e ver se e capaz de chegar a acordos cos distintos conselleiros”.
Esta nova modalidade de relacións responde, segundo Feijóo, ao “principio de unidade política e de unidade de negociación”, algo que “queda blindado nesa única comisión permanente de negociación do Pacto Local e das cuestións derivadas”.
Destacou tamén o presidente galego ao decisión do Goberno galego de “facer un esforzo dentro do Plan de Austeridade da Xunta” para modificar o destino dunha partida inicialmente prevista para outro tipo de subvencións e dedicalas a incrementar o Fondo de Cooperación Local con un millón de euros. Trátase, dixo, dunha partida “modesta” pero que axudará a aos concellos máis cativos, con poboación escasa e dispersa, para que “poidan chegar a fin de mes e conten cunha contía que alixeire os seus problemas de gasto corrente”.
Lexislación urbanística por consenso
O titular da Xunta expresou a vontade do Goberno galego a “intentar consensuar, de común acordo coa FEGAMP, todo o bloque de lexislación urbanística” que se acometerá nos vindeiros meses. Nese marco, apuntou que a Xunta traballará conxuntamente coa Federación Galega de Municipios e Provincias na modificación urxente da Lei do Solo de acordo co documento base que ese organismo lle remitira xa ao anterior Executivo autonómico.
Feijóo avanzou a previsión de que o Consello da Xunta do vindeiro 6 de agosto, o último antes do descanso estival, aprobe o proxecto de lei de modificación da Lei do Solo, co obxectivo de que entre no Parlamento galego e sexa aprobada no seguinte período de sesións. Deste xeito, a Xunta conseguirá que “no ano 2010 teñamos unha Lei do Solo que permita vivir no rural de forma ordenada, edificar no rural de forma transparente, e que permita concentrar a poboación no entorno das aldeas e núcleos evitando dispersión e evitando bloqueo de calquera tipo de construción no ámbito rural”.
Ademais, o presidente da Xunta comprometeuse coa FEGAMP a “modificar por consenso as normas do hábitat” e a “trasladar de forma permanente información aos concellos sobre a Lei do Litoral e sobre as Directrices de Ordenación do Territorio”.
Finalmente, o xefe do Executivo autonómico remarcou o compromiso da Xunta de “desbloquear” os traspasos pendentes da titularidade dos centros de saúde, ata acadar o obxectivo de 50 entre 2009 e 2010, así como avanzar na asunción dos gastos de limpeza dos centros educativos.