08 julio 2009

Feijóo remite a Salgado nuevas melodías sobre financiación a ver si le suenan mejor

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, remitiralle esta tarde á vicepresidenta segunda da Goberno e ministra de Economía e Facenda, Elena Salgado, as propostas concretas do Executivo galego sobre a ponderación da dispersión poboacional e do peso da emigración no financiamento autonómico. Así llo trasladou o máximo mandatario autonómico ao secretario xeral do PSdeG, Manuel Vázquez, na xuntanza que ambos os dous mantiveron esta mañá e na que ambos coincidiron na necesidade de manter unha postura “sólida, tenaz e compacta” ante o Goberno central nas negociacións sobre o financiamento autonómico.

Na rolda de prensa posterior ao encontro, o xefe do Goberno galego asegurou que puido constatar que o PSdeG “segue pola unidade” e continúa a defender os posicionamentos acordados por unanimidade no Parlamento de Galicia.

Consonte explicou Feijóo, na xuntanza desta mañá lle deu conta “polo miúdo” ao secretario dos socialistas galegos de “todas as conversas que mantivemos cos distintos ministros e vicepresidentes do Goberno de España”, en concreto, das xuntanzas da semana pasada coa vicepresidenta segunda Elena Salgado, e co vicepresidente terceiro, Manuel Chaves. A ese respecto, o presidente da Xunta manifestou “a preocupación” do Goberno galego “pola forma e polo fondo no que se está levando o financiamento autonómico”.

A preocupación vén dada, apuntou o presidente da Xunta, “porque estamos facendo reunións bilaterais sen papeis”, polo que, abondou, “estamos negociando algo sen coñecer ese algo”. Asegurou que “hai só inconcrecións e nesas inconcrecións o que soa, soa mal”, ao tempo en que insistiu en que “non é razoable ter reunións, a poucos días dun presunto Consello de Política Fiscal e Financiera e que ninguén teña papeis. E a primeira vez que está a ocorrer isto, que ninguén teña papeis e que ninguén poida, en consecuencia, ter unha postura definitiva en relación con propostas descoñecidas”.

O presidente galego explicoulle ademais ao responsable do PSdeG a postura do Goberno galego en relación co financiamento autonómico, unha postura que pasa por “multilateralidade, custo real dos servizos” e porque “máis poboación non significa só máis gasto, senón tamén máis ingresos”, porque o incremento do censo supón tamén un aumento dos contribuíntes.

En relación co custo real dos servizos, Feijóo defendeu a necesidade de pasar dunha ponderación do 0.46% ao 1.2% na totalidade dos fondos, ademais de incluír o cálculo dos custos do avellentamento nos servizos sociais e na dependencia. Finalmente, o presidente galego chamou a atención sobre a “dobre penalización” que supón para Galicia o cálculo da poboación xa que “en primeiro lugar se lle di a Galicia que non incrementa substancialmente a súa poboación, e en segundo lugar se lle di que non se lle computará, dentro da súa poboación o 15% de poboación real que é a poboación emigrante”.

Unha proposta concreta ante o Goberno central
Por ese motivo, o xefe do Goberno autonómico informou a Vázquez o documento que hoxe mesmo a Xunta lle remitirá á vicepresidenta Elena Salgado coa proposta autonómica sobre a ponderación da dispersión nun 1.2%, e co peso da poboación emigrante en Galicia. Feijóo apuntou que “de forma simultánea” se lle remitirá esta documentación ao BNG para que a poida avaliar de cara á xuntanza que mañá manterá co seu voceiro nacional, Guillerme Vázquez.

“Polo tanto, hai un posicionamento concreto do Goberno que se coñece por parte do Partido Socialista de Galicia, que lle presentarei ao BNG e que esta tarde remitiremos a Madrid para que. unha vez explicado ás forzas políticas, o Goberno de España teña constancia fehaciente da postura do Goberno galego en dispersión e en emigración”.

Alberto Núñez Feijóo detallou que os documentos que esta tarde se remitirán ao Goberno de España recollen uns cadros con datos do Instituto Nacional de Estatística e do censo, segundo os cales Galicia ten o 27% da poboación de emigrantes de España, ao tempo que a Comunidade Autónoma é tamén “o número 1 en número de emigrantes no censo propio”, cun 15%. Por ese motivo, defendeu que, “se os fondos adicionais os queren repartir basicamente en relación co incremento poboacional, o lóxico é que se teña en conta o peso dunha poboación que supón o 15% do censo poboacional”. Trátase, engadiu, de poboación con dereitos recoñecidos por lei no Estatuto do español residente no exterior e cuxo custo de prestación está a asumir a Administración galega.

“Hai mil argumentos para que se incremente a participación de Galicia no financiamento, argumentos técnicos igual de sólidos que os do resto das comunidades autónomas, e eses argumentos técnicos son os que temos que por enriba da mesa”, manifestou Feijóo.

Dobre compromiso de información
Nas súas declaracións, o titular da Xunta remarcou que asumiu ante o secretario xeral do PSdeG un “dobre compromiso de dobre información”. Así, resaltou que a oposición será informada “de calquera modificación da que a data de hoxe teñamos coñecemento por parte da Administración do Estado”, e que estableceu o compromiso de “volver a manter unha reunión antes da convocatoria do Consello de Política Fiscal e Financeira”.

“Este é un tema que abrangue a toda Galicia. Este é un tema que importa a todos os galegos. E o goberno galego vai seguir sendo responsable, buscando transparencia, informando puntualmente aos partidos políticos e aos seus dirixentes e mantendo claramente unha estratexia de lealdade co Goberno de España, formulando con datos, con cifras as nosas posturas e concretando o noso posicionamento político constantemente” , resumiu o presidente da Xunta.

Nesa mesma liña enfatizou que o cometido de todas as forzas políticas é “defender os intereses de Galicia”, que, segundo dixo, son “que se teña en conta o custo real do financiamento e non simplemente algunhas variables que interesan a algunhas comunidades autónomas e que perxudican a outras”.

O xefe do Executivo autonómico salientou a vontade do Goberno galego de ser fiel á postura consensuada por unanimidade de todas as forzas políticas no Parlamento galego, ao tempo que confirmou que “Galicia sería a última en levantarse da mesa de negociación co Goberno de España”.