08 julio 2009

Galicia pide a Madrid más policías para la unidad autonómica adscrita

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e o conseller de Gobernación da Generalitat Valenciana, Serafín Castellano, mantiveron hoxe unha reunión na que abordaron problemáticas comúns dos seus respectivos departamentos e anunciaron que reclamarán ao Goberno central que complete os cadros de persoal das Unidades de Policía Adscritas das súas respectivas comunidades.

“É necesario, urxente e imprescindible que as prazas se cubran canto antes”, advertiu en declaracións aos medios de comunicación o conselleiro da Presidencia, que explicou que, se ben estaba previsto que as Unidades de Policía Adscritas de Galicia e Valencia contasen con 500 efectivos, na actualidade hai máis de cen vacantes á espera de que o Ministerio de Interior convoque as prazas.

Así mesmo, Alfonso Rueda considerou necesario que se proceda de forma urxente a renovar o convenio para financiar as policías autonómicas asinado entre o Ministerio de Interior e as comunidades autónomas, que leva vencido dende hai meses tanto en Galicia como en Valencia. O conselleiro explicou que tamén Aragón, Asturias e Andalucía contan con acordos similares e considerou necesaria “unha postura” común entre estas cinco comunidades para dirixirse ao Goberno central.

Nesa liña, o conseller valenciano apostou tamén por levar a cabo “un plantexamento común” e coincidiu en que sería convinte unha reunión destas cinco autonomías co ministerio. Sobre esta cuestión, Rueda explicou que o seu antecesor no cargo, José Luis Méndez Romeu, xa mantivera contactos coas outras catro autonomías e manifestou o seu desexo de que ao longo do mes de xullo se poida producir xa unha reunión co Executivo central para abordar a cuestión.

“O máis importante é renovar os acordos xa caducados en Galicia e Valencia”, apuntou Serafín Castellano, que considerou que non pode haber privilexios entre unhas comunidades e outras porque “a seguridade non coñece de fronteiras”. O conseller de Gobernación da Generalitat Valenciana avogou por un novo modelo de seguridade equitativo e igualitario e para iso pediu a modificación da lei orgánica de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, na que tamén se aproveite para cambiar a situación dos corpos de Policía Local.