10 julio 2009

Financiación : los lamentos en viernes del presidente Feijóo

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-.- O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, lamentou hoxe a “deslealdade” que está a mostrar o Goberno de España coas comunidades autónomas ao primar a relación co Partido Socialista de Cataluña nunha cuestión “de Estado” como é o financiamento autonómico. En declaracións aos medios, o xefe do Goberno galego apuntou que “a negociación sobre financiamento autonómico empezou mal e cada día vai peor” e considerou “sorprendente” que neste momento “as comunidades autónomas lle teñamos que pedir os papeis a Cataluña para que Cataluña nos explique o modelo de financiamento que non explica o Goberno do Estado”.

Segundo afirmou, a negociación do modelo de financiamento está a ser “un espectáculo lamentablemente onde o Goberno está tratando de maneira desigual ás comunidades autónomas, e onde está poñendo máis diñeiro onde xa hai máis riqueza”.

Feijóo insistiu en que o financiamento autonómico “é unha cuestión de Estado, non é unha cuestión entre o Partido Socialista e o Partido Socialista de Cataluña”, pero sinalou que “neste momento a cuestión de Estado non ten interese para o Goberno e o que prima é a relación entre o Partido Socialista e o Partido Socialista de Cataluña”.

“Todo parece indicar que o sistema de financiamento vai ser un fracaso”, remarcou, e engadiu que isto “non será pola lealdade que estamos mantendo os presidentes autonómicos, si será pola deslealdade que está a manter o Goberno de España co Estado, e o Estado é o conxunto das comunidades autónomas”. Así, considerou que o Goberno de España está a perder “unha oportunidade de pactar o diñeiro que é de todos entre todos”.

Por ese motivo considerou que se o Goberno “non rectifica de forma inmediata” se vai topar cunha “sorpresa” no Consejo de Política Fiscal e Financeira. Así, sinalou que esa “sorpresa” virá dos presidentes das autonomías que están sendo “ninguneadas nesta negociación”, tanto gobernadas polo PP como polo PSOE, como Estremadura, Asturias ou Castela A Mancha.

“Eu desde logo intentarei estar á altura das circunstancias, e espero que o resto dos presidentes autonómicos non admitan que o todas as comunidades autónomas se queden nun segundo plano vendo como se reparte o diñeiro de todos entre o Goberno de España e o goberno de Cataluña”, subliñou o titular da Xunta.

Nesa liña, Feijóo indicou que “se Cataluña está a levar neste momento o 33% dos fondos” resulta evidente que “o resto das comunidades autónomas está financiando o diñeiro que se están a repartir o Partido Socialista e o Partido Socialista de Cataluña”. Polo tanto, engadiu o presidente da Xunta, “os galegos estamos financiando o Goberno de Cataluña e iso, nin os galegos nin o presidente dos galegos o van admitir”.

Feijóo asegurou que “a Galicia non lle vincula ningún pacto, nin ningunha conversa, nin ningunha cifra pactada entre o Goberno de España e o Partido Socialista de Cataluña, non nos vincula ningún acordo nin ningún pacto no que non participamos”.