Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O grupo municipal do BNG presentará no vindeiro pleno unha moción instando á Xunta a garantir a gratuidade dos libros de texto o vindeiro curso académico, xa que segundo explicaron hoxe a concelleira de Benestar Social , María Méndez, e a deputada Carme Adán, só en Vigo uns 20.000 nenos e nenas poderían quedar privados da gratuidade. As nacionalistas calificaron como “un paso atrás” a substitución do modelo anterior implantado polo goberno bipartito.
A deputada do BNG indicou que con esta medida Galiza está, xunto a Madrid, á cola das comunidades que menos axudas escolares ofrece ás familias. Carme Adán sinalou que en Vigo hai censados 27.487 nenos e nenas con idades comprendidas entre os 6 e os 16 anos. Recollendo as explicación aportadas por diferentes responsables da Xunta, o novo sistema que van a aplicar, segundo apuntou, somentes chegará a un 25 por cento da poboación escolar, polo que en Vigo habería uns 20.000 escolares que non poderían contar coa gratuidade dos libros de texto.
A concelleira María Méndez puxo de manifesto as contradicións dos dirixentes do PP a respecto das axudas escolares. “Mentras en Vigo desde a oposición reclaman que o Concello incrementen as becas de libros e comedor, na Xunta eliminan as axudas”. A voceira do BNG explicou que o departamento de Benestar Social ten aumentado en máis dun 40% estas axudas ás familias, para dar resposta ao incremento da demada que se ten producido como consecuencia da situación económica, que afecta máis ás rentas máis baixas. Cando aínda non rematou o proceso de cómputo das solicitudes recibidas este ano, xa están contabilizadas 1.600 familias que pediron becas de libros e comedor. Esta cifra supón un forte incremento con respecto ao ano pasado na que se chegou a 1.148 familias.
María Méndez salientou que a decisión da Xunta vai deixar sen cobertura a moitas familias de Vigo, xa que como ata o de agora había gratuidade para a etapa de 6 a 16 anos, o Concello centrou o seu esforzo nas becas para libros na etapa de 3 a 6 anos. “Agora todas as familias que se atopan que non van ter os libros gratis o vindeiro curso, tampouco poderán acceder as becas do Concello, porque as nosas bases non o permiten”, explicou. Na súa opinión, estas medidas de retroceso social poñen de manifesto que “a política que está facendo o PP é a de favorecer ás clases máis privilexiadas”.
A este respecto a Carme Adán dixo que a decisión do Goberno do PP non supón, como os seus responsables teñen dito, un aforro económico, xa que “só supón un aforro de 3 millóns de euros con respecto ao investimento do goberno bipartito, pero mentres antes se cubría ao 100% da poboación, agora só chega ao 25%”.