Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O Diario Oficial de Galicia (DOG) licita hoxe as obras de reforma do firme da estrada que une o Concello de Lalín co Alto do Faro (PO-533), pertencente á Rede Autonómica da provincia de Pontevedra, nas que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas investirá un total de 5,1 millóns de euros.
A finalidade desta actuación, que afecta a unha lonxitude é de 21 quilómetros, é mellorar o seu estado actual para adaptala aos parámetros de seguridade vial. As obras inclúen a renovación das barreiras de protección e a colocación de sinais de advertencia de curvas perigosas naquelas aliñacións illadas que requiran unha velocidade de circulación inferior á do treito ao que pertencen, co obxectivo de adecuar a distancia de parada á visibilidade existente.
As obras consistirán no reforzo do firme en toda a lonxitude do vial, xa que o pavimento atópase en mal estado de conservación. Daráselle unha uniformidade á anchura da vía, que pasará a ter dous carrís de 3,50 metros. Procederase á extensión da capa de rodadura en toda a calzada de maneira conxunta, incluíndo polo tanto as zonas nas que se sanea o firme e aquelas nas que unicamente se realiza un fresado.
Os prazos que manexa a Administración supoñen que os traballos de levantamento de actas –que afecta a tres fincas- se leve a cabo durante o terceiro trimestre deste ano, as obras se inicien antes do cuarto trimestre de 2009 e que nun ano se rematen.
Con esta actuación mellóranse as comunicacións viarias e as infraestruturas de máis de 30.000 veciños de Chantada, Lalín e Rodeiro. Estes dous últimos concellos son os que están afectados polas obras.