14 julio 2009

Tribuna Libre

Satisfacción porque
o Alcalde de Vigo
depoña ao fin a súa
actitude de lastrar
a creación da
Área Metropolitana

A FAVEC está disposta a achegar ao Alcalde, que agora manifesta a súa vontade de que Vigo teña Área Metropolitana, os pregos coa proposta de lei avalados por máis de 15.000 firmas para ser tramitados ante o Parlamento de Galicia

A Federación Veciñal alégrase de que o Alcalde se dea de conta da importancia de que Vigo e a súa zona de influencia conformen unha gran Área Metropolitana cun marco normativo e con capacidade xurídica para poder promover servizos tan importantes como o transporte metropolitano, sanidade, dinamización do tecido social, económico, empresarial…

Estamos sorprendidos polo repentino interese do Alcalde en promover a Área cando hai poucos meses negábase a recibir á delegación promotora da iniciativa lexislativa para a súa creación e que nun só mes recabou as 15.000 sinaturas precisas para que agora sexa o Parlamento de Galicia quen proceda á súa aprobación. Incluso tivemos que saír ao paso de polémicas baleiras como o número de Concellos que podían conformar a Área e que o único que buscaban era a confusión da cidadanía xa que o proxecto promovido estaba aberto á participación de cantos Concellos quixesen e nunca foi problema o tamaño. Agora que se inicia o proceso para a súa creación esperamos que colabore e non poña trabas para que poda ser unha realidade.

Agardamos que este súbito interese nada teña que ver co anuncio feito desde A Coruña de conformar a súa Área xa que Vigo non debe ir ao carro do que sucede noutras cidades e pola contra debe ter o potencial suficiente para ir por diante e dar forma ás novas realidades. É importante para a creación da Área Metropolitana que esta conte co máximo apoio, por iso comprometémonos a enviarlle ao Alcalde o documento xa consensuado; un documento que lembramos non está pechado nin é excluínte para a incorporación doutros Concellos que xustifiquen a súa vinculación a esta Área.

Queremos puntualizar as palabras do Alcalde para matizar que se a Área Metropolitana xa está madura é sen dúbida esta madurez froito do apoio masivo da cidadanía a un proxecto promovido desde a participación e desde a base mesma cidadá. Pedímoslle agora ao Alcalde que estea á altura deste proxecto e que apoie ata o final o proceso imparable para crear a Área Metropolitana de Vigo, sen dúbida unha das grandes aspiracións pendentes na cidade.

Xosé Couñago Ribeira / Elena González Sánchez
dirigentes de la Federación de Asociacións de Veciños "Eduardo Chao"