Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Deputación, Rafael Louzán, confirmoulles hoxe á presidenta ó vicepresidente da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Raquel Rodríguez e Javier Villanueva, que a entidade provincial incluirá a este club da cidade no plan para a adquisición dun novo vehículo de transporte.
Varios piragüístas integrados neste club sufriron recentemente un importante accidente de tráfico que resultou con varios feridos e co vehículo totalmente inservible.
O presidente, destacou que “a Deputación dada a desgraza sufrida quere solidarizarse co club” e anunciou que se lle concederá unha nova furgoneta valorada nuns 30.000 euros dentro do plan impulsado pola institución provincial, Caixanova e Citröen.
Rafael Louzán tamén expresou o seu desexo de que todas as persoas que sufriron o accidente estean perfectamente recuperadas; e especialmente, expresou o seu desexo de que o rapaz que aínda está ingresado a día de hoxe teña unha pronta recuperación.
Esta acción enmárcase nun plan impulsado pola Deputación en colaboración con Caixanova e Citröen que terá por obxecto a concesión de vehículos de entre 6 e 17 prazas a 80 entidades asistenciais e deportivas da provincia sen ánimo de lucro.
Esta acción, ademais de satisfacer unha demanda recorrente por parte dos colectivos sociais e deportivos da provincia, tamén contribuíra á reactivación económica de sectores clave na economía provincial como é o da automoción e xerar emprego nestes momentos de crise económica.