07 julio 2009

Galiza Nova preocupada polos "brotes fascistas" no Concello de Ponteareas

Ponteareas (MORRAZO-TRIBUNA).- A Organización Xuvenil do BNG en Ponteareas, quere manifestar publicamente a súa repulsa ante a aparición nas últimas semanas de movementos fascistas no Concello, principalmente nos fins de semana, durante os que grupos de mozos e mozas, perfectamente organizados, agrediron violentamente a outros que desfrutaban da noite pacificamente. Dito grupo actuou encapuchado e utilizando bates e outros elementos de agresión.

"Estes actos non deben deixarse pasar e ocultarse. Debemos denuncialos, intentar que as Administracións competentes tomen cartas no asunto e o solucionen.Non deben tolerarse nen deixar pasar. Ocultalo tan só axuda a que o problema sexa cada vez máis grande e máis difícil eliminalo", sinala Galiza Nova quen promoverá unha concentración en repulsa dos actos fascistas o próximo venres 10 de xullo ás 21:00h diante do Concello de Ponteareas, á que chama á participación de todos e todas os que consideren que actos como estes son intolerables na nosa sociedade.