06 julio 2009

A la nueva Xunta le encanta el NOITEBUS

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-“O Goberno galego está moi preocupado polas cifras de siniestralidade que se están a rexistrar os fines de semana vinculados dun xeito mais ou menos directo coa chamada movida nocturna. Nos últimos primeiros seis meses faleceron nas estradas galegas máis de 40 menores de 35 anos, e isto é unha realidade á que non só non podemos acostumarnos, senón que hai que combater dun xeito decidido dende a acción de goberno”, afirmaron esta mañá o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, que compareceron ante os medios para dar conta de dúas accións que a Xunta vai acometer de inmediato co obxectivo de abordar este problema.

Así, a Consellería de Medio Ambiente incrementará un 22% as rutas incluídas na nova campaña NoiteBus, que pasará a ter 225 percorridos repartidos polas diferentes zonas de ocio das catro provincias fronte ás 185 da anterior convocatoria. Ademais, a Consellería de Traballo, a través da Dirección Xeral de Xuventude, desenvolverá ao longo deste verán unha campaña de sensibilización que ten como obxectivo concienciar á mocidade para que non mesturen alcohol e volante, promovendo a figura do condutor alternativo.

Ambos conselleiros sinalaron que se trata de dúas medidas concretas e inmediatas que se levarán a cabo dentro dunha acción continuada e mais ampla que a Xunta de Galicia vai a desenvolver dun xeito permanente para, dentro das súas competencias, “afrontar accións directas que ataquen a raíz do problema e que obriguen a todas as partes implicadas a permanecer alerta e non baixar a garda“. O goberno galego quere abordar este asunto dun xeito transversal e coordinado, xa que se trata dunha realidade na que están implicados varios departamentos, especialmente Xuventude, Mobilidade, Infraestruturas e Educación.

Neste último aspecto, o educativo, preténdese incidir dun xeito moi especial a través da creación de formadores en seguridade viaria e condución responsable, que logo se encargarán de levar a cabo accións de concienciación entre a mocidade galega, unha iniciativa que xa se está a desenvolver dende a Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado.

NOITEBÚS
Agustín Hernández afirmou que o éxito do programa NoiteBus radica en que vai especificamente dirixido ao sector poboacional no que se pretende incidir, ofrecendo a posibilidade de desprazarse durante toda a noite por unha tarifa unificada de dous euros, e unindo as principais zonas de “movida” nocturna da nosa xeografía. “Trátase dunha iniciativa posta en marcha por Núñez Feijóo na súa etapa de conselleiro de Política Territorial, que continuou o Goberno bipartito e que a actual Xunta seguirá impulsando porque estamos convencidos de que contribúe a salvar vidas”, destacou.

O éxito deste servizo ven avalado por un continuo incremento da demanda, consolidando o NoiteBus como unha alternativa cada vez mais clara ao vehículo privado. Entre o 3 de xullo de 2008 e o 3 de xullo de 2009, un total de 283.459 mozos galegos utilizaron as 185 rutas establecidas (36,47 usuarios/noite por ruta) que a Xunta subvencionou con 6,4 millóns de euros en axudas dirixidas aos concellos e empresas de transporte que solicitaron formar parte deste programa.

A convocatoria para o segundo semestre de 2009 e o primeiro de 2010 incrementa un 22% o número de rutas, que pasan a ser 225, das que 157 corresponden a empresas e 68 a concellos. Cabe salientar un incremento das solicitudes pedidas polos operadores de transporte de case o 75%, o que demostra, a xuízo da consellería, que o interese social por este servizo está en auxe.

Problema prioritario
A convocatoria vixente suporá para a Xunta un investimento de preto de 7 millóns de euros. Agustín Hernández enfatizou a este respecto que “nunha época de forte recesión e de problemas orzamentarios, o Goberno galego non escatima en incrementar os recursos destinados a aqueles problemas que son prioritarios para a sociedade, e este é un deles”.

O conselleiro explicou algún dos pormenores da campaña. Así, tanto as horas de paso dos autobuses como o seu percorrido son propostas polos propios solicitantes, co condicionante de que teñen que ser servizos prestados entre as 22.00 horas e as 7.00 do día seguinte. Os beneficiarios das subvencións poden ser ben empresas privadas ou ben entidades locais (concellos). En ambos casos poden ademais implicarse na promoción do servizo solicitando unha partida por publicidade, ata un máximo de 2.000 euros adicionais por ruta, que empregarán en cuñas de radio, dípticos, carteis e todo tipo de material promocional. Os usuarios, pola súa banda, pagan 2 euros por usar os servizos NoiteBus durante toda a noite.

En canto ás novidades principais da nova convocatoria, simplifícanse os requisitos para modificar as rutas inicialmente autorizadas. Así, se pola demanda da poboación é preciso modificar algún horario, ou incrementar expedicións, ou modificacións no calendario poderá facerse cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Mobilidade á que se lle dará a oportuna publicidade, sempre que os cambios non afecten á contía total máxima da subvención a percibir.

A Consellería tamén vai incrementar a súa labor de supervisión e control co obxectivo de garantir a calidade dos servizos se prestan.

CONDUTOR ALTERNATIVO
Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, anunciou que a Dirección de Xuventude porá en marcha a partir do próximo 17 de xullo unha campaña de sensibilización entre a mocidade que ten como obxectivo “un 0% de alcohol ao volante e a aposta polo condutor alternativo”. As accións contempladas na campaña, que se prolongará ata o 12 de setembro, centraranse nas zonas de ocio nocturno e serán levadas a cabo por mozas e mozos voluntarios.

Fixo referencia a que o último informe “Documento Marco sobre Siniestralidade na Rede de Estradas de Galicia” reflexa que o 26% das alcoholemias positivas entre as vítimas mortais danse en mozos de entre 18 e 30 anos. Os sábados, seguidos dos venres e domingos, é onde se concentran a maior parte dos accidentes.

Durante a realización deste estudio –do 1 de novembro de 2007 ao 30 de abril de 2008- houbo un total de 1.708 sentenzas condenatorias por delitos contra a seguridade viaria, das que o 88% déronse en xuízos rápidos. Nestas, un de cada catro imputados era reincidente e un de cada tres tiña menos de 30 anos.

Para Beatriz Mato, estas cifras, xunto co alto número de accidentes graves que se están a rexistrar e a elevada perda de vidas entre a xente moza, xustifican a necesidade de reaccionar e de poñer en marcha medidas activas e continuadas. A campaña deste verán contempla un total de 40 accións nas principais zonas de “movida” estival nas catro provincias galegas.

A iniciativa contará coa presenza de mozos e mozas de asociacións xuvenís que, nos propios lugares de ocio nocturno, lembrarán a máxima de 0% alcohol cando se conduce, e situarán un triángulo enriba dos coches co lema “Libre de alcol” co fin de lembrarlle aos condutores a recomendación de non coller o coche. A presenza destes xóvenes será desde as 0 horas ás 4.

Das 53 comarcas galegas, as 18 máis conflitivas son: A Coruña, Santiago, Ferrol, Bergantiños, Ordes, Betanzos, Lugo, A Terra Chá, Terra de Lemos, Mariña Central, Ourense, Verín, O Carballiño, A Limia, Vigo, Pontevedra, O Salnés, e Deza, polo que a campaña centrarase nestes puntos xeográficos.

A campaña de verán 2009 para a prevención de accidentes de tráfico entre a mocidade supón, segundo a conselleira, un punto de partida para desenvolver ao longo de todo o ano “unha acción potente e decidida sobre esta importante problemática xuvenil”. De feito e como xerme dun proxecto máis ambicioso para 2010, explicou que os días 18, 22 e 23 de xuño o Centro Coordinador da dirección Xeral de Xuventude acolleu o primeiro curso para a formación de formadores en mediación xuvenil para unha condución responsable, que permitirá formar durante o inverno a máis de 300 mediadores xuvenís que se encargarán á súa vez de distribuír a acción entre a mocidade galega.

Estes primeiros formadores tamén participan activamente na difusión da condución responsable entre os miles participantes nos campamentos xuvenís da Xunta de Galicia que están tendo lugar. Asimesmo, as liñas de subvención desta Dirección Xeral en materia de voluntariado en 2010 fomentarán a creación de accións en materia de seguridade vial.

Outro dos obxectivos é que esta concienciación chegue aos centros escolares, motivo polo que de cara ao curso que ven se porá en marcha unha iniciativa de colaboración con Educación para que estes mediadores xuvenís poidan ofrecer seminarios nos centros de Secundaria e de Formación Profesional.