13 julio 2009

La Xunta comprende el malestar de los productores de leche en Galicia

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- Diante da convocatoria, desde hoxe, de diversas mobilizacións por parte do sector lácteo galego, a Consellería do Medio Rural quere reiterar que comprende e comparte o malestar dos gandeiros afectados pola caída do prezo do leite en orixe, e respecta o seu dereito a se manifestar pacificamente para facer ouvir as súas demandas.

A Xunta agarda, ao tempo, que se redobren os esforzos para avanzar no preacordo acadado entre representantes dos produtores, distribuidores, comercializadores e entidades sindicais agrarias, para deseñar unha estratexia conxunta e facer fronte á crise que padece o sector, unha crise que se arrastra na nosa Comunidade desde hai xa, polo menos, ano e medio.

Medio Rural lembra, de novo, que a baixada dos prezos é un problema de ámbito comunitario, e que dende que o novo equipo directivo se fixo cargo da Consellería a Xunta non deixou de traballar na procura dunha solución, e de reclamar ao resto das administracións unha acción decidida no mesmo sentido.

Neste sentido, cabe salientar que Galicia é a primeira Comunidade Autónoma na que se están a desenvolver inspeccións no mercado do leite, tanto no que atinxe ao control de calidade como en materia sanitaria e na estritamente comercial, a partir da constatación de que existen prácticas comerciais que están prexudicando seriamente aos produtores.