05 julio 2009

La Xunta habla ahora de rescatar la AP-9 mientras su estado es harto lamentable

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “O Goberno galego xa manifestou ao ministro de Fomento e ao secretario de Estado a necesidade de mellorar o funcionamento da AP-9, ambos responsables respectan o plantexamento da Xunta de Galicia e son receptivos ao estudo de cambio de titularidade desta estrada, un aspecto imprescindible para acadar a mellora da funcionalidade”. Así o manifestou o conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, esta mañá nunha entrevista para Radio Nacional de España en Galicia, e anunciou que se están a iniciar os traballos co Ministerio para estudar o cambio de titularidade desta estrada.

Hernández subliñou que tamén é necesario dotar orzamentariamente as melloras da AP-9, sobre todo para actuar nas zonas de Vigo, A Coruña e Santiago –que actualmente é a que máis problemas presenta en canto a fluidez de entrada de tráfico-, e para mellorar as conexións que foron aparecendo no territorio dende a entrada en servizo da AP-9 ata o de agora.

O titular de Medio Ambiente solicitou este esforzo ao Goberno central porque considerou que Galicia non pode ver mermada a súa rede viaria. Nese senso, explicou que o Goberno actual está a traballar intensamente no plan de infraestruturas que abarcará ata o 2015. Recordou que existe a obriga de cumprir o compromiso electoral de non deixar no caixón ningunha infraestrutura. A falta de recursos económicos, debido a un mal planeamento dos fondos herdado do anterior goberno, obrigará a buscar fórmulas de financiamento de infraestruturas que permita localizar recursos non exclusivamente públicos. Para Hernández é prioritario que as infraestruturas poidan estar no territorio no momento no que a sociedade as reclama.

AVE no 2015
Agustín Hernández sinalou que o compromiso da data de chegada da alta velocidade a Galicia estará recollida nun protocolo que se asinará ao máis alto nivel entre a Xunta de Galicia e o Ministerio de Fomento. Destacou que esa data non é consecuencia dun compromiso voluntarista, senón que “se define en función dunha previsión, dun orzamento e dunha licitación de obras”.

Para o representante do Goberno galego, a primeira parte do acordo é tanto ou máis importante, xa que é onde se sinala que “o compromiso de Fomento é mobilizar e poñer en marcha as obras de aquí ao 2010”. Deste xeito, a totalidade das obras de conexión do AVE a Galicia e das obras interiores do AVE en Galicia estarán en marcha, licitadas e adxudicadas antes de finais 2010. “Si se cumpren eses obxectivos, e coa mobilización de 3.700 millóns de euros á Galicia dos 4.600 para as infraestruturas do AVE de conexión coa Meseta, é posible cumprir o horizonte do 2015”, engadiu.

Ente Ferroviario Galego
O conselleiro Hernández manifestou que a creación do Ente Ferroviario Galego é un compromiso que está no programa electoral do Partido Popular. Aclarou que dende o seu departamento se están iniciando os traballos para analizar os sistemas, a forma e a articulación administrativa. Destacou que é un compromiso do Goberno galego que se vai a cumprir dentro da presente lexislatura. Deste xeito, Galicia terá non soamente un ente ferroviario, senón que este ente será o punto de inicio e de apoio para desenvolver os metros lixeiros da Coruña e Vigo e tamén dun sistema de mobilidade sostible, seguro e saudable que represente unha mellora na calidade de vida dos cidadáns, especialmente das zonas metropolitanas. Considerou que esta é unha das grandes débedas que ten o transporte en Galicia.

Rebaixa das peaxes
En materia de rebaixa de peaxes, o titular de Medio Ambiente sinalou que dende o seu departamento estase a traballar para que nas autoestradas autonómicas as peaxes non sexan unha limitación ou barreira para a mobilidade dos cidadáns. Ese reto implica habilitar un mecanismo que permita que o prezo estea relacionado co número de percorridos que os usuarios realicen nun período de tempo. A modo de exemplo, argumentou que unha persoa que vive en Arteixo e que se despraza todos os días cara á Coruña, non debe pagar o mesmo que un cidadán que vai un día determinado. Indicou que polo que agora o modelo non está pechado e que se está a analizar o impacto desta medida nos orzamentos da Xunta. Avanzou que de aquí a final de ano concretarase o plan, para que sexa unha realidade nos orzamentos do ano 2010.

Traspaso de aeroportos
Agustín Hernández aclarou que tamén se ten plantexado ao Ministerio os beneficios do traspaso da xestión aeroportuaria dos aeroportos de Galicia, que “non do espazo aéreo,” aclarou. Avogou pola transferencia ás comunidades autónomas ou no seu defecto que as comunidades participen na xestión dos aeroportos. Augurou que a xestión compartida e coordinada podería ofrecer vantaxes sobre os tres aeroportos.

Subliñou que esta cuestión foi plantexada tamén ao Ministerio e este está analizando a participación da Comunidade en AENA. Aclarou que, polo de agora, o Goberno galego está pendente de que o equipo do ministro Blanco traslade a súa proposta.

Gran acordo polo territorio
O representante da Xunta sinalou que a súa esperanza e desexo é acadar un gran pacto polo territorio. Manifestou que o plan do litoral herdado do Goberno bipartito é o que se está a empregar para pechar o esquema territorial da costa. Recordou que as directrices de ordenación do territorio foron iniciadas polo equipo do último Goberno da era Fraga e que o bipartito só as someteu a información pública.

“Son practicamente as de 2005, polo que neste momento é unha oportunidade para pactar un modelo territorial no que estean de acordo a maior parte das forzas políticas, se non é posible a totalidade das forzas políticas de Galicia”.

Considerou que a través das directrices de ordenación do litoral, do territorio, do plan de estradas e do plan de residuos pódese acadar un gran acordo que permita debuxar e planificar o territorio de Galicia de aquí aos próximos dez ou vinte anos.