Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de informar da decisión de non outorgar a aprobación definitiva á modificación puntual no núcleo do Pousadoiro-Reboreda das Normas Subsidiarias de Planeamento do Plan Xeral de Ordenación Urbana do Concello de Redondela.
A Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo vén de redactar a orde que resolve non conceder esta aprobación, xa que non se consideran xustificadas as razóns de interese público que fundamentan a modificación do planeamento.
Tal e como se explica no comunicado oficial da Xunta de Galicia, a modificación puntual ten por obxectivo incrementar a edificabilidade residencial, de 25.544 m2 a 40.005 m2, nun ámbito superficial de 63.500 m2 que abarca grande parte da parcela do pazo do Pousadoiro.
As razóns de interese xeral esgrimidas na modificación son a construción de vivendas protexidas e a obtención de máis dotacións, zonas verdes e servizos. Nese senso, non queda acreditada a equidade do incremento de edificabilidade co de vivenda protexida. Incluso en termos absolutos é maior a superficie de cesións previstas con respecto á da ordenación vixente, xa que o aumento de edificabilidade é do 56% e o de cesións representa o 36,80%, polo que a cesión por metro cadrado edificable redúcese.
Asemade, a ordenación proposta introduce tipoloxías edificatorias non congruentes e incompatibles coas características do contorno, que ademais alteran a harmonía da paisaxe coa formación de pantallas visuais. Cómpre sinalar que a ordenanza vixente prevé unha tipoloxía de vivenda unifamiliar, illada ou pareada, cuxa altura estaría constituída por un baixo e un andar. Na actualidade, o contorno no que se integra o pazo está constituído por edificación dispersa de baixa densidade.
Fronte a isto, coa ordenación proxéctanse catorce bloques de vivendas colectivas (dunha altura formada por un baixo, tres andares e un baixo cuberta) e un bloque máis, neste caso de un baixo, dous andares e baixo cuberta, sen ningún tipo de articulación edificatoria e en clara contraposición ás características do entorno.
Á vista deste plantexamento, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo ditaminou que non se considera acreditada a mellora alegada de ordenación, a pesar do nodo de comunicación e ás redes de servizo existente. Considerase que se produce un incremento de intensidade e usos que afecta notablemente á mobilidade do concello de Redondela.
Por outro lado, segundo o informe emitido pola Dirección Xeral de Obras Públicas,as conexións coa estrada Redondela- Fornelos de Montes (PO-250) deberían incluírse como sistema xeral adscrito. Aínda que nos informes técnicos e xurídicos se refiren a estas como sistemas adscritos, na documentación do Proxecto de Modificación e na memoria anexa emitida pola entidade local non se recolle tal extremo.
En definitiva, a Secretaría Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo empraza ao Goberno municipal a subsanar as deficiencias, para –posteriormente- remitir o expediente de modificación puntual para acadar a súa aprobación definitiva.