Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta de Galicia é consciente de que a actual conxuntura de decrecemento do tráfico aeroportuario galego é un tema de vital importancia para o noso desenvolvemento económico en xeral e para o turístico en particular. É por isto polo que se quere frear na medida do posible este descenso, tendo en conta as peticións realizadas polo sector privado -sobre todo das cidades que contan con aeroporto-, polos entes promocionais de turismo das mesmas e directamente polos concellos de Vigo, Santiago e A Coruña. Neste contexto, a pesar de ter herdada unha situación de completa indispoñibilidade financeira, toda vez que non existía partida orzamentaria para este fin en 2009, a Consellería de Cultura e Turismo realizará xa para este ano, un esforzo importante para o apoio ao sector.
A través destes acordos publicitarios, a Xunta pretende fortalecer Galicia como un único destino turístico, fomentando que entre as tres cidades se creen complementariedades e non competencias de destinos. Así, os destinos emisores fidelizados ou con potencial susceptibles de ser beneficiados polos acordos publicitarios do Goberno nun futuro, determinaranse atendendo a criterios turísticos. Nembargantes, no que a esta medida de urxencia de cara ao 2009 se refire, a Xunta apoiará os traxectos xa existentes, cos que existen importates débedas adquiridas polos entes promocionais de turismo das tres cidades.
Esta acción supón un importante esforzo por parte da Secretaría Xeral para o Turismo, ó non ter sido orzamentada polo goberno do bipartito para o 2009, e reflicte o compromiso inequívoco que a Xunta de Galicia ten co sector para impulsar o turismo en Galicia.