Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, reuniuse este serán co Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, nunha xuntanza que serviu, coincidiron ambos, “para recuperar o contacto entre as institucións e analizar varias actividades que podemos desenvolver conxuntamente”.
Na súa primeira visita á Deputación de Pontevedra, Anxo Lorenzo apuntou que “este encontro servirá para seguir renovando o compromiso de colaboración interinstitucional nas actividades de promoción e de fomento da lingua galega”, ó tempo que remarcou que “as deputacións provinciais fan un esforzo enorme nesta dirección e a nosa idea é seguir cooperando, sempre que sexa posible, na mellora dese esforzo das corporacións locais e provinciais con diferentes liñas de traballo que estamos a por en marcha”.
“Unha delas”, comentou, “será a creación para 2010 dunha rede de dinamización lingüística local que servirá para establecer liñas de actuación comúns entre as distintas administracións locais, provinciais e a propia Secretaría Xeral de Política Lingüística”.
“Outra destas iniciativas”, engadiu o secretario xeral, “será o acto previsto para o día 10 de xullo no Hostal dos Reis Católicos, auspiciado pola Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística e organizado pola FEGAMP, que servirá para asinar unha renovación do compromiso dos poderes públicos galegos no impulso e promoción da nosa lingua”.
Por último, concluíu Lorenzo, “analizaremos posibles actuacións conxuntas onde aunemos a máxima promoción da nosa lingua nun marco de liberdade lingüística e cordialidade”.
Pola súa banda, Rafael Louzán, tamén incidiu nesa necesidade de facer promoción activa da lingua galega sen deixar de lado a liberdade lingüística a través de políticas activas no mundo da empresa, da xustiza, da sanidade ou da rúa, ó tempo que apuntou que “a política lingüística debe ser desenvolvida con rigor e, sobre todo, con ofertas positivas, sen ir contra ninguén, con propostas novidosas e atractivas que cheguen ós diversos sectores sociais”.
Servizo de Traductor Automatizado
“Perante os pasados anos”, comentou Louzán, “o galego acadou prestixio e gran difusión no ámbito da Administración, sobre todo na Administración Local. Agora, hai que incidir noutros ámbitos: a sanidade, a empresa, a xustiza por exemplo: galeguizar o mundo da empresa ou a asistencia sanitaria, por exemplo, co concurso das asociacións empresariais, dos sindicatos ou dos cidadáns”.
Neste senso, o presidente provincial anunciou que “a Deputación vai financiar un servizo de Traductor Automatizado para todos os concellos da provincia”. “A través do noso Gabinete lingüístico”, explicou, “estamos a facer un esforzo para que todos dispoñan dun tradutor informático de alto nivel que sirva como instrumento de axuda para facilitar o uso do galego”.
Louzán recordou que “temos un Gabinete de Tradución e un Gabinete Lingüístico adscrito á Editorial da Deputación de Pontevedra, o Servizo de Publicacións. Na Editorial publicamos unha media de 30 libros ó ano, a meirande parte en galego; e ofrecemos este Servizo a todos os departamentos da Casa e incluso a outras institucións e ós concellos.
O máximo titular da Deputación tivo verbas de eloxio para traballo desenvolvido no Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación e recordou que “o Patrimonio Bibliográfico, dividido en tres seccións, consta dunha Biblioteca con 23.858 fondos, deles 9.000 sobre Galicia e un fondo especial de 500 exemplares sobre a provincia de Pontevedra. A hemeroteca con máis de 450 títulos é a única con baleirado de sumarios de revistas que permite consultalas a través de Internet, recibindo peticións diarias de todo o mundo. A Cartoteca Domingo Fontán que supera os 12 elementos cartográficos foi complementada recentemente coa Casa do Mapa. Ademais, este servizo leva a cabo unha importante labor no eido Editorial: con máis de 620 publicacións especificas da editorial e máis de 150 coedicións. A previsión para 2009 é de 30 títulos”.