Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O circuíto de A Magdalena de Forcarei acollerá os vindeiros días 11 e 12 de xullo o Campionato de España de Supermotard e Superquad. Así o anunciaron hoxe o deputado de Deportes, José Enrique Sotelo e o alcalde de Forcarei, David Raposeiras que mantiveron unha xuntanza no Pazo Provincial.
Participarán neste evento deportivo 60 pilotos e arredor de 5.000 espectadores. O moto club Movete Na Moto será o encargado de organizar esta proba en colaboración co Club Supermoto Vigo.
O campionato de España estará formado por sete probas que se están a desenvolver en diferentes localidades de toda a península. Ata o momento xa se celebraron en Lleida; Teruel, Murcia, e Valencia. O vindeiro día 12 celebrarase a proba galega e, posteriormente, o 13 de setembro en Zaragoza e o 4 de outubro en Alacante.
Con respecto ás categorías, as competicións serán de S1, ata 450 c.c: S2 cilindrada libre; e S3 categoría de promoción.
O Circuíto de A Magdalena construído no 2007 dispón dun recinto que ronda os 82.000 metros cadrados e conta cunha lonxitude de 1.300 metros e unha anchura en pista de 10 metros.