Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, acompañado do alcalde de Barro, Jose Antonio Landín, e do alcalde de Portas, Roberto Vázquez; e técnicos supervisou as obras que de mellora que se están executando na estrada provincial 9407 Goulla-Porráns.
Segundo informou Louzán, nos últimos catro anos a Deputación leva investidos máis de 2,6 millóns de euros na mellora deste vial de entre 10 e 12 quilómetros. A última acción emprendida para acondicionar esta vía é a mellora da capa de rodaxe; a construción dunha rotonda en Valiñas e a execución de melloras en Curro-Portela, Portela-Ermelo e Samieira-Busto por un importe total de 420.000 euros. Segundo informou Louzán, estas obras quedarán completamente rematadas en poucos días.
En termos xerais, as obras de mellora da estrada A Goulla-Porráns consistiron no ensanche da vía dunha sección de 5 a 9 metros de ancho; tamén na aplicación dun novo pavimentado e da sinalización horizontal e vertical correspondente.
Así mesmo, acometéronse todas aquelas accións necesarias para aumentar a seguridade vial da estrada provincial nas zonas máis poboadas. Nestes puntos construíronse beirarrúas e instaláronse servizos. Tanto o presidente coma os alcaldes presentes agradeceron a colaboración prestada polos veciños que cederon parte dos seus terreos para poder acometer as obras.
Rotonda de Valiñas
A construción da rotonda de Valiñas tivo por obxecto reforzar a seguridade vial nesta carretera xa que neste punto existía un cruce perigoso entre as vías que comunican Agudelo-Briallos con A Goulla-Porráns. Coa construción desta rotonda a Deputación eliminou un punto negro no que se producían múltiples accidentes. Esta obra complementouse coa construción de beirarruas e co retranqueo de muros. Ademais, nos vinderos días procederase ó pindado da vía que permitirá canalizar o tráfico polos carrís correspondesntes.
O presidente da Deputación considera que con esta actuación remátase a vertebración interior dos municipios de Meis Portas e Barro “trátase dun vial importante xa que comunica a estrada Pontevedra-Vilagarcía coa nacional Pontevedra-Santiago e, polo tanto, os concellos de Meis, Portas e Barro”, manifestou o presidente , Rafael Louzán.