Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Rafael Louzán, presidente da Deputación de Pontevedra, máis Ricardo Llorente Morales, Director Forestal do Grupo Empresarial ENCE asinaron dous convenios de asistencia técnica co obxectivo de limitar a poboación de patóxenos prexudiciais que afectan os eucaliptos galegos.
O acordo, que durará dous anos, céntrase no control do Gonipterus scutellatus, Ctenarytaina spatulata, Mycosphaerella e Teratosphaeria, Glypcaspis brimblecombei; todos eles patóxenos presentes nas plantacións de eucalipto en Galicia que incrementaron os seus ataques nos últimos anos. Con este fin o Grupo Empresarial ENCE aportará 19.000 € e facilitará as parcelas de monte necesarias para a realización dos traballos de campo.
O obxectivo primordial destes proxectos é atopar medidas de control eficaces e respectuosas co medio ambiente para controlar as pragas e enfermidades de viveiros e plantacións de eucalipto, pero tamén busca reducir os danos producidos por os mencionados patóxenos.
A metodoloxía escollida pasa pola realización de ensaios tanto in vivo como in vitro, facer un seguimento das pragas, clasificar ós parásitos, manter o seu control biolóxico e propagar a plantación de aqueles eucaliptos tolerantes as enfermidades.