Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, comprometeu hoxe a “plena” sensibilización do seu departamento coa protección á infancia e garantiu grandes esforzos para conseguir a “máxima atención” para os menores galegos. Neste senso, avogou por un modelo que promova “máis o acollemento familiar e menos o residencial”.
Mato realizou estas declaracións durante unha xuntanza de traballo que mantivo esta mañá coas entidades pertencentes á Asociación Galega de Centros de Menores (AGACEME). No encontro, que tamén contou coa asistencia da secretaria xeral de Familia e Benestar, Susana López Abella, estiveron presentes un total de 39 asociacións galegas dedicadas á infancia, ás que a conselleira agradeceu o traballo que levan a cabo neste eido.
A titular do departamento autonómico aproveitou a súa intervención para detallar algunhas das liñas de actuación estratéxicas do seu departamento no que atinxe á infancia. Así, concretou que se reforzarán as políticas de “coordinación, sensibilización e información para a prevención do maltrato e a exclusión social” dos menores. Para iso, fomentarase a colaboración cos servizos sociais de base dos concellos, explicou.
Tamén sinalou que se implantarán “protocolos e procedementos comúns” para favorecer o desenvolvemento dun plan de calidade dos servizos de menores. Unha liña de unificación que tamén se seguirá para implantar un plan de calidade de centros, dos que se buscará a especialización.
En resumo, destacou que o departamento traballará na potenciación de programas que favorezan o coidado dos nenos cando as familias non poidan asumilos; en programas de acollemento e residencia e en programas de atención de día para a integración sociofamiliar dos menores.
Finalmente, Mato considerou que a xuntanza de hoxe abre “unha nova etapa de diálogo e colaboración” coas entidades profesionais, e “tendeu a man” da Xunta para “entre todos” traballar “coordinadamente” na protección da infancia.