10 julio 2009

Preacordo sobre os criterios de agrupamento de educación infantil e primaria

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- .- A Consellería de Educación asinou cos sindicatos do Ensino un preacordo sobre os criterios de agrupamento de educación infantil e primaria aos efectos de constitución de unidades. Todos os sindicatos convocados á mesa sectorial apoiaron a proposta, a excepción da CIG que xa se descolgara do acordo no seu día. Así, este preacordo que será ratificado polo Conselleiro de Educación nas vindeiras semanas foi asinado por CC.OO, UXT, STEG e ANPE. Tanto a Consellería como as forzas sindicais sinalaron que se trata do mellor acordo de todo o Estado no relativo a estes criterios.

A proposta sitúa en 14 o tope para agrupar alumnos do mesmo ciclo de Primaria e 12 no caso de que pertenzan a diferentes ciclos. Se están implicados alumnos de toda a etapa de Primaria, poderase agrupar sempre que non superen os 10 alumnos.

No caso de Educación Infantil, será posible agrupar alumnos de diferente nivel se non se exceden os 14 alumnos, ou 12 alumnos no caso de que estean implicados nenos de 3 anos. Igualmente, poderase agrupar nunha mesma unidade o alumnado de dúas etapas –Infantil e Primaria- cando o número sexa igual ou inferior a 10.

Ademais, a Consellería ofertará formación específica para o profesorado que imparta docencia a alumnado de diferentes idades. Na reunión tamén se acordou que as supresións das escolas unitarias serán analizadas nas Xuntas de Persoal ao igual que os centros que escolaricen alumnado con necesidades educativas específicas.

Esta proposta coincide coa pactada no seu día na mesa sectorial coa excepción de que a creación de unidades de Infantil e Primaria se realizará progresivamente nos vindeiros dous cursos, 2009-2010 e 2010-2011. A metade das unidades que teñan que crearse polo presente acordo realizaranse no vindeiro curso.

O Director Xeral de Centros e Recursos Humanos, José Manuel Pinal, quixo agradecer a vontade de todos os sindicatos firmantes de chegar a acordos en beneficio dun ensino de maior calidade. Sinalou ademais que este pacto coa maioría das organizacións sindicais pon de manifesto a preocupación pola escola no rural e deixou a porta aberta para que se sumen outras forzas sindicais. Concretamente, CSI-CSIF amosou a súa vontade de aceptar os criterios aprobados hoxe.