Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-Axentes do Servicio de Gardacostas de Galicia en colaboración co Seprona de Vigo comisaron no porto deportivo de Domaio (Moaña) 175 quilos de vieira, na actualidade vedado en todas as rías galegas por o alto índice de toxicidade que presenta. O operativo levouse a cabo entre as 23:00 h e as 7:00 horas, e nel, os axentes tamén requisaron o vehículo no que os furtivos transportaban o produto e a embarcación na que capturaron a vieira, unha planadora que se deu á fuga e que foi atopada no Muelle de Con (Moaña).
Dos catro furtivos dous intentaron fuxir no coche e outros dous na planadora. Os axentes levantaron unha acta de infracción aos catro homes e detiveron a un deles, ao que lle imputan un delicto de atentado contra a autoridade, por tentar atropelar a un axente do Seprona cando lle daba o alto. O detido prestou declaración no cuartel da Guarda Civil de Vigo.
Os axentes remitiron unha mostra das vieiras ao Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR) para proceder ao seu análise e poder determinar a presencia de toxina ASP (amnésica), que é a que máis afecta a esta especie. O resto foi sembrado na Ría de Vigo por os axentes de Gardacostas. A Consellería do Mar lembra que debido á elevada toxicidade da vieira, a súa captura está prohibida en toda Galicia.
Por outra banda o departamento que dirixe Rosa Quinta realizou onte en Vigo a última das cinco reunión programadas para implantar o Plan de loita contra o furtivismo, de xeito que todo o litoral galego dispón dun operativo especial para tratar de acabar co marisqueo ilegal.
Combater o furtivismo é unha das prioridades da Consellería do Mar, e con este plan incorpora máis medios humanos -Servicio de Gardacostas, e axentes da Policía Autonómica en colaboración coas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado- e máis medios materiais, de xeito que se intensificarán os controis policiais por terra, mar e aire. As inspeccións non só se limitarán aos bancos marisqueiros, senón que se estenderán ata a cadea de comercialización.
O Pesca II evacúa a un tripulante dun mercante cun ataque cardíaco
O helicóptero Pesca II recolleu a un tripulante dun mercante que sufrira un ataque ao corazón e que faleceu tras ser evacuado ao Aeroporto de A Coruña. O mercante, de nome Paula, e de 150 metros de eslora, atopábase ao norte da localidade coruñesa de Cariño, a unhas 118 millas, cando avisou da emerxencia sanitaria. Salvamento Marítimo solicitou ó 112 ás 5:27 horas á saída do Pesca II para realizar a evacuación médica. O helicóptero da Xunta recolleu ao tripulante e evacuouno ao Aeroporto de A Coruña, pero ao chegar ó destino informou de que paciente falecera no traslado.