15 julio 2009

Presidente de la Xunta pide un esfuerzo en la donación de sangre

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, animou hoxe aos galegos a doar sangue para “salvar vidas” e lembrou que os centros sanitarios de Galicia precisan cada día 500 doazóns para facer fronte á súa actividade ordinaria. En consecuencia, apuntou Núñez Feijóo, “necesitamos 500 galegos que diariamente nos dean o seu ben máis prezado, que é o sangue e, para iso, necesitamos altura de miras, compromiso social e solidariedade”. O mandatario galego acudiu esta mañá a doar acompañado pola conselleira de Sanidade, Pilar Farjas Abadía, o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, a campiona universitaria mundial de taekwondo, Estefanía Hernández, o campión de squash, Borja Golán, e o ciclista e corredor de tríatlon, Iván Raña.

Alberto Núñez Feijóo destacou no evento que “os dous actos de maior solidariedade que pode facer unha persoa son doar os seus órganos no momento de morte cerebral e doar sangue sempre que poida” e, engadiu, “para doar sangue non é necesario chegar ao suposto de morte cerebral, só hai que desexar facelo”. Sinalou, ademais, o mandatario galego que “se trata dun acto rápido, sinxelo e que supón que poidamos atender a un accidentado de tráfico, a un parto que se complica, a un paciente oncolóxico... Supón, en definitiva, que poidamos prestar unha sanidade de alta calidade”, incidiu.

A extracción de sangue, como tamén recordou o presidente autonómico, non é nociva para o donante, xa que calquera persoa que puidera ter algún problema de saúde, automaticamente estará excluída do protocolo de doantes.

O presidente da Xunta aproveitou para agradecer o labor levado a cabo polo Centro de Transfusión de Galicia, “porque están tratando o sangue con absoluta profesionalidade e con totais garantías” e ás súas unidades móbiles “que se desprazan todos os días pola nosa xeografía para invitar á sociedade galega a facer un alto no seu camiño e trasladan solidariedade a través deste líquido”. De feito, as dez unidades móbiles das que dispón o Centro de Transfusión de Galicia visitarán este verán, segundo o plan de actuación da Consellería de Sanidade, máis de 240 concellos onde levarán a cabo 700 actuacións.