Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas abrirá mañá xoves ao tráfico, ás 09:00 horas, o treito da variante de Vilagarcía que estaba pendente de apertura debido ás obras da rotonda de Baión. Unha vez que o Ministerio de Fomento rematou e puxo en servizo esta glorieta, a totalidade da variante xa pode ser empregada polos cidadáns. Este tramo da Rede de Vías de Alta Capacidade está conectada pola zona norte coa estrada Vilagarcía-Catoira (PO-548) á altura de Carril, e no sur coas estradas Vilagarcía-Caldas (N-640) e Pontevedra-Vilagarcía (PO-351). Tamén estará conectada co novo vial de acceso ao porto de Vilagarcía, que o Ministerio de Fomento está a executar.
O conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Agustín Hernández, solicitara o pasado 27 de maio ao secretario de Estado de Planificación e Infraestruturas, Víctor Morlán, a axilización dos traballos para poñer a rotonda en servizo o antes posible. O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo, remitiu hoxe unha carta ao ministro de Fomento, José Blanco, agradecendo a sensibilidade do departamento que dirixe na resolución deste problema, “o que posibilitará desviar do casco urbano de Vilagarcía unha parte do tráfico que actualmente non ten alternativa posible”.
De feito, un dos principais obxectivos desta actuación é desviar o tráfico que atravesa o núcleo urbano, que en moitas ocasións non é o seu destino; diminuír os tempos de percorrido dos usuarios de ditas estradas e, en consecuencia, mellorar a seguridade vial neste núcleo urbano.
A previsión da Consellería de Medio Ambiente é que a nova variante permitirá desviar do núcleo urbano de Vilagarcía máis de 2,4 millóns de vehículos ao ano, é dicir, máis de 6.500 ao día, dos que un 10% corresponden a tráfico pesado.
O primeiro tramo da variante abriuse ao tráfico o pasado 30 de maio. A Consellería solicitou ao Ministerio de Fomento que apremiara a construción do vial de acceso ao Porto de Vilagarcía e, sobre todo, a rotonda de Baión , ao obxecto de acurtar os prazos de posta en servizo do treito que mañá entra en funcionamento. Cando o Minsterio de Fomento reamte o vial de acceso ao porto, o concello de Vilagarcía de Arousa contará cunha circunvalación completa.
Cómpre sinalar que coa posta en marcha desta estrada galega ábrese un novo enlace coa estrada que discorre pola marxe esquerda da ría de Arousa, evitando que os veciños se vexan na obriga de atravesar o núcleo urbano de Vilagarcía para chegar á parte norte da costa. Esta mesma alternativa, pero para acceder á zona sur da costa, tamén será posible no momento en que a vía dependente do Ministerio de Fomento se abra ao tráfico rodado.
Esta vía tamén é de gran utilidade para os veciños procedentes de Carril e da zona norte do Concello, xa que reducirán o tempo de recorrido para chegar a Baión, a través do enlace de Pousadoiro, sen ter que cruzar Vilagarcía, tal e como se viña facendo ata o de agora. Así mesmo, verán facilitado o acceso ao hospital do Salnés.
Por outro lado, coa apertura da glorieta de Fomento, a variante de Vilagarcía pode considerarse unha prolongación da estrada Pontevedra-Vilagarcía (PO-531).
O departamento dirixido por Agustín Hernández financiou as obras desta infraestrutura con máis de 28 millóns de euros (28.625.141).
Características técnicas
Esta vía comezou a súa tramitación en xullo de 2003 sendo conselleiro da Consellería de Política Territorial o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo. Ten unha lonxitude de 7,6 quilómetros pola que discorren catro pasos superiores, nove inferiores, dous viadutos e tres glorietas en enlaces. Este treito dispón de dous carrís de 3,50 metros cada un e de unha beiravía a cada lado do asfalto dun ancho de 2,5 metros. Nas glorietas, os dous carrís son de 4 metros e as beiravías, tamén dúas, terán un metro cada unha.
En definitiva, a variante de Vilagarcía ten as características propias dunha vía de alta capacidade, xa que hai limitacións de accesos ao longo do seu percorrido, e un carril para vehículos lentos. Cómpre sinalar que os usuarios deste treito da Vía de Alta Capacidade poderán circular a unha velocidade de ata os 100 Km/h, xa que este traxecto consta dos parámetros para circular a dita velocidade.
Segundo as previsións do departamento dirixido por Agustín Hernández un total de 71.456 habitantes dos concellos de Cambados, Vilanova de Arousa, Vilagarcía de Arousa, Caldas de Reis e Catoira veranse beneficiados da posta en servizo desta nova infraestrutura.