Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-O portavoz nacional do BNG, Guillerme
Vázquez, asegurou hoxe que o Goberno de Núñez Feijóo “non está a dar a
talla” ante os problemas aos que ten que facer fronte a sociedade galega, e en
concreto de permanecer “pasivo” ante a negociación do financiamento
autonómico.
Guillerme Vázquez compareceu en rolda de prensa para informar da
constitución do Consello Nacional co que se da por rematado o proceso
asamblear tras a eleccción nas últimas semanas dos novos órganos de
dirección das asembleas comarcais e locais do BNG.
Neste sentido, o líder do BNG asegurou que “a partir de agora o noso
interlocutor vai ser a sociedade galego e o noso traballo vaise centrar en facer
oposición, con humildade pero con firmeza, e sermos alternativa a un Goberno
do PP que non da a talla e que está facendo políticas que van en contra dos
intereses das maiorías sociais deste País”.
“O único onde o Goberno de Feijóo estáo a dar todo é no ataque á
lingua galega”
En concreto, o portavoz nacional do BNG censurou que o Goberno de Feijóo
non propoña “ningunha medida de calado ante a crise económica que estamos
a padecer, a non ser medidas tan chuscas como pretender converter a Xunta
de Galiza nun concesionario de coches de segunda man”
Ademais, criticou a “pasividade” do Goberno do PP ante o debate do novo
sistema de financiamento autonómico. “O problema -subliñou- teno neste
momento o Goberno galego porque a día de hoxe aínda non sabemos cal é a
súa posición e se segue así Galiza vai sair moi mal parada e iso o señor Feijóo
non pode resolvelo apelando ao acordo adoptado polo Parlamento Galego”.
“Necesitamos unha posición de firmeza para garantir a suficiencia financeira de
Galiza e iso é algo que Feijóo non o está a facer”, advertiu o líder do BNG.
Falta de capacidade de diálogo para resolver os conflitos sociais que
vive o país
Asimesmo, Guillerme Vázquez considerou que o Goberno de Feijóo “está
desbordado” ante conflitos sociais como o do sector do metal ou o sector
lácteo, algo que atribuíu “á absoluta falta de diálogo e de lideranza do Goberno
do PP para conseguir acordos”.
Igualmente lamentou que o FROB e as consecuencias que pode ter sobre as
caixas galegas de aforro “tampouco vemos que sexa un obxectivo de
preocupación para Feijóo”.
“O único eixo estratéxico onde o Goberno de Feijóo o está a dar todo é no
ataque á lingua galega”, censurou o portavoz nacional do BNG.
“A moción de censura de Gondomar é a moción da vergonza”
Guillerme Vázquez tamén se pronunciou sobre a moción de censura de
Gondomar, que cualificou como “a moción da vergoña”. Denunciou que se trata
“dunha alianza sorprendente de todas as forzas políticas contra o BNG co
obxectivo de colocar na alcaldía a persoas acusadas de corrupción urbanística”.
“Parécenos escandaloso que o número 1 da candidatura teña unha orde de
derrubo do concello contra un edificio ilegal da súa propiedade. Feijóo dixo na
campaña eleitoral que un corrupto non duraría 5 minutos no PP e sobre esta
moción de censura Feijóo non dixo nada e xa sabemos que quen cala outorga”,
concluíu o portavoz nacional do BNG.