Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A portavoz do BNG na Comisión de
Agricultura do Parlamento Galego, Tereixa Paz, denuncou hoxe a paralización
por parte do Goberno do PP das axudas para as Unidades de Xestión Forestal
(UXFOR) e para a valorización e aproveitamento multifuncional do monte
galego.
Tereixa Paz salientou que estes dous instrumentos, postos en marcha polo BNG
na pasada lexislatura dende a Consellaría do Medio Rural, “foron as primeiras
inicativas que se puxeron en marcha nos últimos trinta anos dende a
administración pública para solucionar os problemas que afectan ao sector
forestal galego e polo tanto para por fin aos lumes forestais atacando o
problema de raíz”.
Neste sentido, a deputada do BNG dixo “non entender porqué a Consellaría do
Medio Rural paralizou a orde de axudas a non ser que se deba ao ánimo
revisionista do PP, sen parar nos prexuízos que lles está a provocar a miles de
galegos e galegas”. Por iso, anunciou a presentación dunha batería de
iniciativas no Parlamento Galego para que o conselleiro do Medio Rural dea
explicacións sobre a supresión destas axudas.
Unhas iniciativas que estaban a dar resultados positivos
Tereixa Paz lembrou que os problemas aos que se viña enfrontando o sector
forestal galego nos últimos trinta anos eran o minfundio na propiedade do
monte, cunha media de tan só 2,5 hectáreas de monte por explotación; o
abandono do monte ou a a falta de cultivo do mesmo, xa que no 98,2% do
monte non se fai ningún tipo de preparación do solo e no 82% dos casos non
se fai ningunha labor de silvicultura ou clareo e só no 7% da superficie
arborada se fan limpas. Todo isto derivada no elevado número de lumes
forestais que afectan a Galiza.
Neste sentido, a parlamentaria nacionalista lembrou que a Lei de Prevención e
Defensa contra os Incendios Forestais creou varias figuras para atacar estes
problemas estruturais de raíz. Así puxéronse en marcha as UXFOR e cambiouse
o sentido das axudas da reforestación de terras agrarias cara ás políticas de
valorización multifuncional e sustentábel do monte que, “a pesar de ser
medidas a medio prazo, había indicios de que podían dar resultado, e de feito
foron moi ben acollidas polo sector”. Ademais, subliñou que contaban con
financiamento para levalas adiante, a través do Plan de Desenvolvemento
Rural de Galiza, dotado con 1.400 millóns de euros procedentes dos fondos
FEADER da Unión Europea”.
Así, lembrou que nos dous anos de funcionamento, as axudas para a
valorización integral e multifuncional do monte “financiaron uns 800 proxectos
cun total de 14 millóns de euros, permintindo mellorar o noso monte, crear
empresas e postos de traballo no rural e previr os incendios forestais”.
Sen embargo, a deputada do BNG asegurou “ter constancia de que o Goberno
do PP quere anular estas axudas”.
“O mesmo sucede -denunciou- coas UXFOR que, a pesar de conseguir agrupar
un total de 4.182 hectáreas de máis de 3.000 propietarios, o actual Goberno
mandou parar todos os traballos que estaba a realizar a empresa pública
SEAGA para os proxectos destas unidades de xestión forestal”.
Temor a que o Goberno do PP volva descoidar a política forestal
Tereixa Paz alertou da “incerteza e falta de seguridade sobre os proxectos de
futuro ou que xa tiñan en marcha” na que se atopan miles de propietarios e
propietarias de monte debido á supresión destas liñas de axudas por parte da
Consellaría de Medio Rural.
A deputada nacionalista advertiu de que “vai ser un pau moi importante para o
sector nun momento no que se atopa nunha situación crítica e que, a través
das medidas anteriores, tiña unha vía para garantir máis valor á madeira que
se produce en Galiza”.
Por último, a parlamentaria do BNG subliñou que “en 30 anos demostrouse que
a política forestal é o eixo principal para por fin á lacra dos incendios forestais
porque o dispositivo de extinción, que hai que manter e reforzar, non é
suficiente”. Por iso manifestou o seu “temor de que os promerios pasos do
Goberno do PP son de descoidar de novo a política forestal”.