11 julio 2009

La Xunta agilizará su burocracia y permitirá la utilización de medios electrónicos

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Xunta de Galicia publicou onte no Diario Oficial de Galicia a orde que desenvolve o decreto polo que se simplifica a documentación para a tramitación dos procedementos administrativos e se fomenta a utilización de medios electrónicos. A orde afecta principalmente á verificación de datos de identidade e de residencia, e permitirá que non sexan esixibles tanto o Documento Nacional de Identidade e aqueloutros documentos relativos á identidade dos estranxeiros, como o certificado de empadroamento, documento probatorio do domicilio e a residencia.

Esta medida entrará en vigor a partir do próximo 30 de setembro e permitirá a axilización do funcionamento da Administración galega, ao simplificar a documentación que deben achegar os interesados na tramitación de procedementos administrativos que sexan do seu interese.

O sistema de verificación de datos de identidade ofrecerá consultas nas que, a partir do número de documento de identificación do cidadán ou estranxeiro, se ofrecerán o nome e apelidos, o lugar e data de nacemento, nome dos pais, sexo e vixencia do Documento Nacional de Identidade. Mentres que o sistema de verificación de datos de residencia permitirá coñecer, a partir da identificación do cidadán, tódolos datos relativos o seu domicilio.

Ámbolos dous sistemas estarán dispoñibles as 24 horas do día os 7 días da semana, e o acceso ós mesmos estará controlado pola Dirección Xeral de Avaliación e Reforma Administrativa, dependente a Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza.

Na solicitude que se formule para pedir información dunha determinada persoa deberá xustificarse a necesidade da obtención da información, a identificación e localización das persoas interesadas así como a do traballador autorizado para realizar a xestión e a do equipo informático a través do que se accederá ós sistemas de verificación. Ademais esixirase o consentimento expreso das persoas interesadas, de cara a garantir plenamente a protección de datos de carácter persoal.