29 septiembre 2009

Deputación promove a primeira oficina provincial de Consumo de Galicia

PONTEVEDRA.- Deputación e IGC asinaron hoxe o convenio de colaboración para
o desenvolvemento e mellora dos servizos de atención ó cidadán

LOUZÁN ANUNCIA A CREACIÓN DA PRIMEIRA OFICINA PROVINCIAL DE CONSUMO DE GALICIA EN PONTEVEDRA

O presidente da Deputación de Pontevedra, Rafael Louzán, e a Directora do Instituto Galego de Consumo, Nava Castro, asinaron esta mañá o convenio que vinculará as dúas institucións no desenvolvemento dun proxecto conxunto para a mellora dos servizos de atención o cidadán, por valor de 75.000 euros.

En verbas de Nava Castro, este convenio ten por obxecto “levar a cabo o desenvolvemento de accións para a inspección en consumo e control de mercado, especialmente na transmisión de información e detección de produtos inseguros”. Pero tamén promoverá accións “para a mellora da información, formación, asesoramento e orientación dos consumidores e usuarios, ocuparase da tramitación e derivación de reclamacións dos consumidores e usuarios da provincia e fomentará a resolución extraxudicial de resolución de conflitos, especialmente a través da mediación, respecto as reclamacións presentadas polos consumidores e usuarios”.

Así, a Deputación de Pontevedra e o IGC, prestarán apoio ós concellos nas súas funcións de defensa dos consumidores e usuarios, tamén difundindo o Sistema Arbitral de Consumo como defensa extraxudicial do consumidor e usuario, prestando o apoio preciso para o achegamento do Sistema ós consumidores e usuarios da provincia.

No desenvolvemento de todas estas accións, a Deputación terá en conta especialmente ós concellos que teñan menos medios para desenvolver as competencias en materia de defensa do consumidor e que carezan de Oficina municipal de información ó consumidor (OMIC)

Oficina Provincial de Consumo

Pola súa banda, Louzán salientou que “o feito de que Pontevedra capital carecese dunha oficina municipal que ofreza este servizo é un motivo máis polo que se decidiu establecela na cidade”.

“A oficina”, que terá a súa sede na Deputación, “permitirá que exista un lugar físico na cidade ó que cidadáns e usuarios poidan dirixirse para ser asesorados e atendidos cando queiran tramitar as súas reclamacións co Instituto Galego de Consumo”.

Terá entre as súas funcións apoiar ós concellos de menor poboación que carezan de Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC) nas súas funcións de defensa dos consumidores e usuarios en canto a información, orientación e mediación para que exerzan os seus dereitos.

Ademais, dende a Oficina Provincial de Consumo desenvolveranse “accións para o intercambio de información sobre problemas en materia de consumo que afectan á provincia e a cidade de Pontevedra, manterase unha colaboración estreita coas Policías Municipais dos concellos da provincia no apoio e defensa dos consumidores para sensibilizalos da importancia de coñecer os produtos prohibidos e inseguros que existen no mercado, e se fomentará a utilización do Sistema Arbitral de Consumo”.

Por último, o presidente recordou que “tamén se desenvolverán actividades formativas ó longo do ano dirixidas a familias e comercio minorista, coma o foro sobre economía e consumo, unha medida que dote de ferramentas axeitadas para paliar as consecuencias da crise que estamos a vivir”, sinalou Louzán.

As actividades de información, formación e educación dos consumidores e usuarios para que coñezan os seus dereitos e obrigas. Para isto formarase a colectivos veciñais, asociacións de pais, de consumidores e ós propios técnicos das OMIC.

As mesas do Foro versarán sobre Aspectos básicos de economía nos fogares; Sobreendebedamento e reunificación de débedas; Crédito hipotecario, comisións e gastos bancarios e reunificación de débedas; Facturación e tarifas de electricidade e gas; Aforro e consumo sostible; Publicidade enganosa, ilícita e ofertas publicitarias; e Os prezos dos produtos, concursos e premios. A duración destas mesas será de 20 horas.