29 septiembre 2009

La escola de Piragüismo de Pontevedra podrá regularizar sus instalaciones

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- O presidente da Deputación, Rafael Louzán, mantivo onte unha xuntanza no Pazo Provincial co presidente de Portos de Galicia, José Manuel Álvarez Campana; coa presidenta da Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra, Raquel Rodríguez, e co secretario desta entidade deportiva, Miguel Ángel Villanueva, para falar sobre a situación das instalacións utilizadas por este club, na avenida das Corbaceiras de Pontevedra.
Segundo explicou Raquel Rodríguez, este local estaba sendo utilizado polo club en réxime de aluguer xa que era propiedade da Autoridade Portuaria de Marín. Sen embargo, explicou “fai dous anos Portos de Galicia comprou estas instalacións e dende entón utilizamos esta infraestrutura sen ningún tipo de regularización”.
A presidenta do club explicou que “tratamos de contactar cos responsables da anterior Xunta de Galicia para regularizar a concesión pero non conseguimos ningunha reunión de xeito que ata hoxe estabamos utilizando as instalacións case como se fosemos ocupas”.
Na xuntanza mantida onte trala mediación do presidente da Deputación, o club e Portos de Galicia asinaron un contrato a través do cal legalizaron esta situación. Concretamente, o club de piragüismo conseguiu o uso desta infraestrutura por un período de tres anos. Así mesmo, conseguiron a cesión de máis espazo do que viñan utilizando ata o momento.
Raquel Rodríguez manifestou o seu agradecemento polo “apoio recibido de forma constante por parte da Deputación”. A presidenta do club recordou que tras sufrir un accidente de tráfico no que perderon o vehículo de transporte, a institución provincial colaborou coa escola na adquisición doutra furgoneta.
Finalmente, Rodríguez, recordou que a actividade do club dará comezo o día un de outubro con máis de 80 asociados, tanto nenos como veteráns.