30 septiembre 2009

Promoven concurso escolar sobre Uxío Novoneyra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- A Secretaría Xeral de Política Lingüística, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convoca un concurso para promover a elaboración desde a comunidade escolar dunha exposición sobre a obra, época e lingua de Uxío Novoneyra, o autor ao que o próximo ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, e/ou sobre a situación sociolingüística na que viviu o escritor courelao.

O Concurso-Exposición Letras Galegas 2010 vai dirixido a todos os centros de ensino non universitario de titularidade da Consellería de Educación: públicos e privados, escolas unitarias e de ensino primario, centros rurais agrupados, centros de ensino secundario, centros integrados, escolas oficiais de idiomas ou centros de educación de adultos.

Bases do concurso
A convocatoria do concurso establece dúas categorías, unha para os centros de educación infantil e primaria e outra para os restantes. Os centros educativos nos que se imparta educación infantil, primaria e secundaria poderán concursar nas dúas categorías. O eixe temático da exposición, que deberá constar de quince carteis de 70x100, será a obra e a época de Uxío Novoneyra, observada desde unha perspectiva pluridisciplinar e onde o percorrido biográfico sexa só un motivo para afondar nunha realidade complexa e heteroxénea. Os centros de ensino poderán presentar os seus traballos ata o próximo día 8 de febreiro.

Premios
Os grupos de traballo que elaboren as exposicións gañadoras recibirán cadanseu premio en metálico por un importe de 4.000 euros, 1.000 máis que na pasada edición. Ademais, a mellor exposición de cada unha das categorías será imprimida e distribuída en máis de 2.000 puntos de Galicia e do exterior, como centros de ensino, centros de estudos galegos, centros da emigración, bibliotecas municipais e casas da cultura, entre outros.

Obxectivos
O departamento da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que dirixe Anxo Lorenzo quere sumarse ás iniciativas que difundirán a obra e a vida de Novoneyra a través deste concurso, que ten como obxectivos prioritarios potenciar o estudo da obra e da época do escritor de Lugo, propiciar a reflexión sociolingüística sobre esta etapa histórica e fomentar a valoración das contribucións individuais e colectivas á dinamización da lingua galega. Impulsar a realización de actividades que favorezan a colaboración interdepartamental e que potencien a implicación activa do profesorado, fomentar e difundir unha visión persoal por parte da comunidade educativa sobre a figura de Novoneyra ou enriquecer a oferta de materiais existentes en lingua galega son outras das finalidades que persegue a Secretaría Xeral de Política Lingüística a través desta convocatoria.