29 septiembre 2009

F-009 anuncia ingresos por el canon eólico

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).- “O importante é que nos Orzamentos do ano 2010 haberá 23 millóns de euros máis como consecuencia do canon eólico que serán para os galegos e que, en función de cando se adxudique o próximo concurso eólico, se poderá chegar a máis de 30 millóns imprescindibles para a facenda local e autonómica”. Así o anunciou hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen salientou que este novo tributo non supón intervencionismo, “unha política na que non estamos de acordo”, senón o cumprimento dun compromiso cos electores: “que as empresas colaboren no eido ambiental”.

O titular da Xunta salientou que a posta en marcha do canon eólico é unha “decisión política” no exercicio “responsable” das competencias que ten o Goberno galego. “Supón pedirlle un esforzo a empresas que están tendo unhas contas de resultados saneadas, un esforzo de colaboración coas arcas autonómicas para trasladalo ás arcas municipais”, engadiu Feijóo, quen subliñou que non supón “obrigar a unha empresa a transmitir á Comunidade Autónoma parte do seu accionariado porque cremos que a intervención empresarial é incompatible con Europa”. “Imos a levar ao Parlamento esa Lei e imos aprobar un canon que beneficie a todos os cidadáns de Galicia especialmente nos concellos onde están os parque eólicos”, remarcou.

Pero ademais, o presidente galego salientou que se trata dun un tributo cuxo impacto “vai en función da capacidade tecnolóxica e do risco tecnolóxico das empresas”. “Cantos menos muíños estean instalados, menos se pagará. Por tanto, se as empresas apostan por muíños máis eficientes e o número total diminúe, o canon eólico diminuirá”, engadiu.

Prudencia e traballo sobre o futuro das caixas
Feijóo referiuse tamén, no transcurso do coloquio posterior a súa intervención no Nueva Economía Forum, á proposta que prepara o Goberno galego sobre o futuro das caixas de aforro. “Estamos traballando nesta cuestión tranquila e sosegadamente, e estamos analizando un tema que non é menor”, asegurou o presidente da Xunta, quen pediu “prudencia”, lembrando que o compromiso do Executivo é ter o informe listo no último trimestre do ano.

“O Goberno galego non está quieto, non está parado, e o tema das caixas é un dos temas prioritarios, xunto coa elaboración dos presupostos, no ámbito da facenda”, asegurou Feijóo, quen explicou que o Goberno traballa para decidir se é mellor manter as dúas caixas de aforros da Comunidade ou facer unha gran caixa galega. “Esa é a cuestión e creo que é o momento de traballar. O que si lle podo asegurar é que sexa cal sexa a decisión comparecerei no Parlamento para explicala. Explicarei as razóns pola que o Goberno propón unha cousa ou outra”, adiantou.

Un “enorme esforzo” por manter e mellorar as infraestruturas e os servizos sanitarios
Feijóo aproveitou a súa presenza no coloquio do foro de Nueva Economía para reiterar o compromiso do seu Goberno coa sanidade pública. “Nin recorte presupostario, nin das infraestruturas sanitarias, pero si maior responsabilidade, eficiencia e compromiso dos responsables sanitarios coa súa sanidade”, asegurou o presidente galego.

Así, o titular da Xunta remarcou que o gran hospital de Vigo, cunha capacidade de 1.400 camas, será “probablemente o centro hospitalario máis grande que se vai comezar a construír en España nos próximos dous anos”; e salientou que o seu Goberno apostou por construír un novo centro en Pontevedra, “porque reformar o existente sería un parche”. “Estamos equipando o hospital de Lugo para abrilo no primeiro semestre de 2010 con 50 millóns de euros dos que non tíñamos consignación presupostaría“, afirmou.

Feijóo avogou, ademais, por mellorar a xestión e a eficiencia e salientou que realizar unha intervención cirúrxica máis na quenda de mañá dos quirófanos públicos galegos suporá diminuír a lista de espera en 45.000 doentes. “En resumo, estamos facendo un enorme esforzo por manter as infraestruturas e melloralas; creo que é a nosa responsabilidade, e niso consiste a defensa da sanidade pública, en que a sanidade sexa eficiente, porque soamente os servizos públicos eficientes están blindados para o futuro”, concluíu.

Un plan para Ourense e Xacobeo 2010
O presidente da Xunta destacou a recente presentación do Plan Impulsa- Lugo e adiantou que a provincia de Ourense contará nos vindeiros meses cun programa similar. “Estamos valorando as distintas posibilidades e cando as temos as presentaremos”, asegurou Feijóo.

O titular do Goberno galego referiuse, por último, ao Xacobeo 2010, do que asegurou que ofrecerá dous novidades fundamentais: a aposta pola innovación tecnolóxica coa filmación de todo o Camiño Francés dispoñible en Google; e a recuperación da espiritualidade do Camiño. “Porque facer o Camiño é moito máis que facer turismo”, concluíu.