30 septiembre 2009

"Mergullándonos nas illas Atlánticas" chega a Pontevedra

Pontevedra-Vigo (MORRAZO-TRIBUNA).-A Biblioteca Pública de Pontevedra “Antonio Odriozola” está a expoñer unha mostra dos traballos educativos presentados no programa “Mergullándonos nas illas atlánticas”. En total, foron 1668 escolares de 5º de primaria de 53 centros educativos pertencentes a 28 municipios con proximidade xeográfica ao Parque Nacional os que participaron nesta iniciativa. Un programa educativo levado a cabo durante o curso 2008-2009 e no que colabora a Consellería do Medio Rural.

O obxectivo principal deste programa foi o de dar a coñecer aos escolares, dun xeito ameno e, sobre todo, participativo, os valores naturais e patrimoniais dos arquipélagos que conforman o Parque Nacional: as illas Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada.

Na Biblioteca pontevedresa manterase esta exposición ata o vindeiro 15 de outubro, recollendo as fotografías recibidas, así como os traballos previos que os colexios tiveron que presentar para poder participar no programa educativo.

Convocatoria
Dentro deste programa alternativo, é a vez, complementario, convocouse un concurso que consistiu na realización dunha “fotografía vivinte”, cuxo obxectivo principal era que os menores representasen a súa visión do espazo protexido.

Os premios concedidos foron tres máis dúas mencións de honra. Os galardóns consistiron en materiais para os alumnos e para o colexio xa que o concurso tamén serviu como avaliación dos obxectivos didácticos para os responsables do programa educativo.