VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).-A campaña de doazón de sangue “Nadal 2008” que promove a Consellería de Sanidade por medio do Centro de Transfusión de Galicia (CTG), achegará o solidario xesto da doazón de sangue ata máis de 150 concellos entre os meses de decembro e xaneiro.
As dez unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia efectuarán, ata finais do vindeiro mes de xaneiro, preto de 400 campañas de doazón de sangue en máis de 150 concellos e, para facilitar o acceso dos cidadáns, tamén existe a posibilidade de doar sangue nos locais de doazón do Centro de Transfusión de Galicia existentes nas sete grandes cidades galegas.
Actividade asistencial
Coa campaña “Nadal 2008”, que un ano máis se desenvolve baixo o lema “Este Nadal salva vidas. Comparte Saúde. Doa sangue”, o Centro de Transfusión de Galicia tenta manter estable o número de doazóns de sangue xa que, cada día, os centros sanitarios galegos necesitan 500 doazóns para poder levar a cabo o seu intenso labor asistencial, o que suporá preto de 10.000 doazóns ao longo do presente mes
O Centro de Transfusión de Galicia agarda novamente contar coa participación da cidadanía nesta campaña de doazón e, para iso, tenta ofrecer as máximas facilidades, mediante o desprazamento de dez unidades móbiles cada día
“Nadal 2008” é unha das moitas campañas de doazón que, anualmente, desenvolve a Consellería de Sanidade desenvolve por medio do Centro de Transfusión de Galicia para tentar facilitar o acceso dos cidadáns a este xesto solidario, achegando as unidades móbiles aos concellos, empresas, organismos públicos e privados, centros docentes de ensino secundario e universitario...
No transcurso da campaña de doazón “Nadal 2008” faise preciso contar coa participación de doadores de todos os grupos sanguíneos, aínda que, nestas datas, resulta especialmente necesaria a participación dos doadores Cero Negativo, popularmente coñecidos como Doadores Universais.
O Centro de Transfusión de Galicia quere agradecer nestas datas a todos os cidadáns a súa participación nas campañas de doazón ao longo do presente ano, agradecemento que fai extensivo as Irmandades de Doadores de Sangue e aos Medios de Comunicación, e lembra que, para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón é posible consultar a páxina web: ctg.sergas.es ou contactar co teléfono de información gratuíto: 900 100 828