14 diciembre 2008

Axudas para proxectos colectivos
de xestión pesqueira

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O Diario Oficial de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro de 2008) vén de publicar a Orde do 5 de decembro de 2008 pola que se modifican as bases reguladoras e se convocan as axudas para proxectos colectivos de xestión pesqueira que se presenten en 2009. Para estas subvencións a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos achega un investimento de 14.727.000 euros, cofinanciado polo Fondo Europeo da Pesca (FEP 2007-2013), que terá carácter plurianual. Deste xeito, destinaranse na anualidade 2009 un total de 3.685.000 euros; en 2010, 4.057.000 euros; en 2011, 3.810.000 euros; e, finalmente, 3.175.000 euros en 2012.

Coa publicación desta Orde establécense pois as novas bases reguladoras para a concesión destas axudas co fin de adaptalas ao Regulamento 744/2008 do CE, do 24 de xullo de 2008, polo que se establece unha acción específica temporal para promover a reestruturación das flotas pesqueiras da Unión Europea afectadas polo incremento do prezo dos combustibles. Esta normativa comunitaria introduce novas accións que poden ser financiadas a través do FEP.

Esta iniciativa, que leva a cabo o departamento que dirixe Carmen Gallego, pretende ser un mecanismo para promover a participación do sector marítimo-pesqueiro galego e que este poida poñer en marcha medidas encamiñadas a contribuír de forma sostible á xestión e conservación dos recursos, mellorar a calidade e a seguridade dos alimentos, ou controlar as condicións de acceso ás zonas de pesca. Así mesmo, búscase a garantía de aplicación dos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade e transparencia na xestión dos fondos públicos e que estas axudas estean ao alcance de todos os profesionais que viven do mar.

O prazo de presentación de solicitudes para a anualidade 2009, será dun mes a contar dende o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG. A documentación necesaria deberá presentarse no modelo que figura no Anexo III desta mesma orde e que se poderá descargar en formato electrónico no epígrafe Servizos de Administración Electrónica da páxina web da Consellería de Pesca (http://webpesca.xunta.es). A solicitude deberá ser entregada no rexistro único e de información do complexo administrativo de San Caetano ou en calquera das delegacións territoriais ou comarcais da Administración pesqueira galega. Os proxectos que se presenten poderán ter carácter plurianual, sen que a súa duración poida exceder de catro exercicios orzamentarios.

Beneficiarios e proxectos subvencionables
Poderán ser beneficiarios das subvencións as entidades de interese colectivo, tales como confrarías, asociacións, cooperativas e organizacións constituídas por produtores de base que cumpran os requisitos recollidos na Lei 6/1993, sempre que teñan a súa sede social e desenvolvan as súas actividades en Galicia, así como as fundacións de interese galego vencelladas ao sector pesqueiro. Todas estas entidades poderán concorrer de xeito individual ou tamén conxuntamente, como unha agrupación de entidades.

Tal e como se establecen nas bases reguladoras, os proxectos que poderán ser subvencionables serán aqueles que se desenvolvan na nosa comunidade autónoma e que teñan por obxecto contribuír de forma sostible a mellorar a xestión ou conservación dos recursos, como as asistencias técnicas, o control de acceso ao recurso, o acondicionamento e rexeneración para a mellora da produtividade dos bancos marisqueiros, instalacións para semicultivo ou cultivo experimental de recursos mariños; e propostas de implementación de modelos de xestión de pesqueirías; e a realización estudos relativos ás augas, zonas ou recursos mariños

Outras liñas de actuación que poden percibir axudas e que se incorporan como novidade a Orde publicada no DOG son as dirixidas a desenvolver accións de tratamento de residuos a bordo, promover métodos ou artes de pesca selectivas e reducir as capturas accesorias; recoller do leito mariño as artes de pesca perdidas para combatir a pesca pantasma; mellorar as condicións de traballo e seguridade ou o impulso da cooperación entre científicos e profesionais do sector para a transferencia de tecnoloxía.

Así mesmo, inclúense medidas subvencionables que contempla específicamente o Regulamento 744/2008 da Comisión Europea que son, entre outros, a realización de auditorías enerxéticas para grupos de buques e a obtención de asesoramento de expertos para o desenvolvemento de plans de reestruturación/modernización.

No caso de execución dos proxectos, a orde contempla como gastos subvencionables a contratación de persoal imprescindible asociado ao proxecto; contratación de empresas ou entidades prestadoras de servizos; construción de instalacións de cultivo ou semicultivo, de tratamento de residuos ou outras instalacións necesarias para o desenvolvemento do proxecto; a adquisición de equipamento e material; a compra de semente de moluscos; e a redacción de proxectos técnico cando este resulte exixible pola normativa aplicable.