VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- Nova denuncia do PP. O PPdeG alerta sobre a inseguridade xurídica á que se enfrontan as empresas que optan ao concurso eólico da Xunta, das carencias da rede de evacuación da enerxía que podan producir os novos parques e da perda de liderado de Galicia nun sector estratéxico. O voceiro de Industria do Grupo Popular denuncia que os integrantes o Grupo de Traballo encargado de analizar os proxectos -licenciados en Dereito e en Historia- non reúnen o perfil profesional axeitado para analizar os proxectos eólicos nin os proxectos empresariais asociados. Denuncia que os plans eólicos empresariais son obxecto de especulación, como acaba de suceder con Eólica de Touriñán, S.A que acaba de ser vendida a un gran grupo eléctrico, que mercou tamén os 14 megawatios pendentes de autorizar neste concurso"A propia Xunta, coa súa actuación, está a confirmar as sospeitas de especulación, parcialidade e falta de transparencia que rodean o concurso eólico que se vai fallar nas próximas semanas", así o refere o portavoz de Industria e Enerxía do Grupo Popular, Ángel Bernardo Tahoces, quen denunciou nunha rolda de prensa celebrada este mediodía, que a Xunta está a incumprir o decreto polo que se regula o aproveitamento eólico en Galicia e que obriga á Consellería de Industria a publicar unha lista de admitidos e excluídos no concurso eólico, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes.
"Sen embargo, tal relación non ten sido publicada, a pesar de que os solicitantes que non se axustasen aos requisitos deberían dispoñer dun prazo de 10 días para formular as correspondentes emendas".
INSEGURIDADE XURÍDICA
"Esta situación, unida ao feito de que desde que se iniciou a tramitación do concurso, a Xunta está a pedir ás empresas documentación susceptible de ser avaliada, incrementa as dúbidas sobre a obxectividade e a transparencia do proceso, pero tamén acedita a situación de inseguridade xurídica na que están inmersas as empresas do sector", asegura o PP.
O decreto que regula o aproveitamento eólico sinala tamén que as empresas solicitantes de parques eólicos deben dispoñer, polo menos, dos recursos económicos necesarios para, polo menos, financiar o 20% do investimento necesario para a execución do proxecto. “E seguramente moitos solicitantes non cumplían ese requisito”, agregou Tahoces, buscando a razón da non publicación da relación de admitidos e excluidos.
Simultaneamente, o deputado popular cuestionou a idoneidade e o perfil profesional dos integrantes do grupo de traballo encargado de analizar os proxectos presentados antes de trasladar unha proposta á Comision de Valoración. Ese grupo de traballo está integrado por licenciados en Historia e en Dereito. Pola contra, e a pesar de que deberá analizar os proxectos ecólicos e tamén os proxectos empresariais asociados, o subdirector xeral de Exnerxía non forma parte dese grupo de traballo. “Isto cheira a pouca profesionalidade e a chapuza”, agregou Tahoces.
Na súa intervención, o deputado popular tamén puxo un exemplo dos movementos especulativos desatados arredor do concurso eólico. Referiuse á empresa Eólicos de Touriñán, S.A. titular dun plan eólico empresarial pendente de conseguir 14 megawatios eólicos solicitados neste concurso. Esta sociedade, incluídos os 14 megawatios eólicos pendentes de autorizar, foi vendida a unha gran empresa eléctrica, o que demostra que “non só hai vendas antes de construír os parques eólicos, senón que hai vendas incluso antes de que se autoricen os megavatios solicitados”, en palabras de Tahoces.
PERDA DE LIDERADO
O voceiro de Enerxía do Grupo Popular recordou, ademais, que o feito de que Castela e León xa teña autorizados, a día de hoxe 6.500 novos megawatios eólicos outórgalle vantaxe na utilización das liñas de evacuación e sitúa a Galicia en serias dificultades para poder comercializar a enerxía que podan producir os futuros parques.
O plan de investimentos de Rede Eléctrica de España non contempla o remate das novas redes de evacuación necesarias para dar saída á produción dos parques eólicos sacados a concurso pola Xunta ata o ano 2016, e iso sempre en función da ubicación xeográfica dos aeroxeneradores que se instalen.
Tahoces tamén apuntou que os datos acreditan que, co Bipartito, consumouse a perda de liderado que Galicia ocupou en anteriores lexislaturas no sector eólico. Así, nos últimos anos de xestión do anterior Goberno do PPdeG a investimento medio do sector eólico en Galicia roldaba os 600 millóns de euros/ano, mentres que nos tres últimos exercicios de Goberno bipartito, a investimento medio anual reduciuse a unha sexta parte, ata o 100 M€/ano.