10 diciembre 2008

De novo o programa de sensibilización ambiental VIVE, en Defensa do Monte Galego

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade iniciará o vindeiro mes de xaneiro a terceira edición do programa de educación e sensibilización ambiental Vive en Defensa do Monte Galego, unha iniciativa dirixida a nenos e nenas de 3º e 4º cursos da ESO e 1º de Bacharelato de toda Galiza.

Segundo explicou o director xeral de Xuventude, Rubén Cela, no decurso do acto, trátase dun programa de formación e sensibilización en materia de patrimonio natural e cultural galego, que promove o voluntariado a través de actividades de educación e sensibilización ambiental encamiñadas á recuperación do monte e á valorización do medio natural galego. Na rolda de prensa de presentación tamén participou o director xeral de Montes e Industrias Forestais, Alberte Blanco, xa que a Consellería do Medio Rural colabora activamente no desenvolvemento deste programa.

As actividades desenvolveranse de luns a xoves no Albergue Xuvenil das Sinas, en Vilanova de Arousa. O programa, que nesta edición oferta arredor de 1.000 prazas, comezará a desenvolverse o día 12 de xaneiro e rematará o día 26 de marzo. Cada semana haberá catro centros escolares diferentes cun máximo de 25 participantes por cada un deles. Deste xeito, os participantes poderán compartir experiencias con mozos e mozas de diversos centros de ensino de Galiza. Ata o de agora, a Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade xa recibiu as solicitudes de 29 centros escolares. Ademais, está permitida a asistencia de dous profesores ou responsables de cada centro escolar.

Como novidade, nesta edición téñense reservadas dúas quendas para persoas con discapacidade, o que suman un total de 100 prazas, e outras tres para os centros escolares gañadores do premio do Correlingua, que se fallará o vindeiro 20 de xaneiro.
Nas súas primeiras edicións deste programa participaron xa un total de 2.800 rapaces e rapazas procedentes de diversos centros escolares do país.

O valor do monte
Segundo explicou o director xeral de Xuventude no decurso da presentación, este programa naceu, xunto co Voluntariado en Defensa do Monte Galego, para dar resposta ás inquedanzas cidadáns na loita contra o lume. O obxectivo é concienciar sobre o valor natural, ecolóxico e tamén económico do monte galego. “O monte forma parte do noso ADN colectivo como pobo”, salientou Rubén Cela, que afirmou que só se pode amar o que se coñece, polo que o que pretende este programa é dar a coñecer toda a riqueza que se agocha nos montes do país para que así poida ser querido e respectado.

Por isto, lembrou que o programa Vive en Defensa do Monte Galego está dirixido a os nenos e nenas que o día de mañá serán propietarios forestais, labregos, enxeñeiros forestais ou, simplemente, persoas que gostan de pasar o seu tempo de lecer nos montes.

Pola súa banda, o director xeral de Montes e Industrias Forestais cualificou de acerto esta iniciativa porque é un xeito de involucrar á mocidade no amor polo patrimonio forestal, porque o abandono do medio rural está na base da problemática dos incendios forestais en Galiza. Tal como apuntou, contra os lumes forestais non se loita só cun amplo dispositivo, senón tamén cun intenso labor preventivo, de concienciación e de participación social no coidado do monte.

Actividades medioambientais
Entre as actividades nas que participarán os mozos e mozas están as sementeiras de herbáceas para fixar o terreo descuberto e sen vexetación. Tamén recollerán e tratarán sementes de arbustos de interese, ou realizarán traballos de restauración ambiental como a elaboración de barreiras para frear a erosión do terreo por arrastre, e compensar a perda do solo fértil; así como a instalación de caixas-niño para paxaros en zonas próximas a áreas degradadas polos incendios.

Así mesmo, e como complemento ás actividades, haberá numerosas charlas formativas sobre o bosque, os incendios ou a fauna e flora do monte, ao tempo que se proxectarán vídeos e se desenvolverán coloquios e debates e obradoiros. As visitas a núcleos rurais poboados e as saídas para a rexeneración de ecosistemas forestais ocuparán tamén un espazo no programa das actividades.
Calquera información sobre este programa encóntrase na web de Xuventude, www.xuventude.net ou no teléfono 981 957057.