VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- A deputada do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara Baixa na que insta ao Goberno a modifica o Real Decreto 1/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, para que non se lle apliquen aos invernadoiros lixeiros elevados impostos catastrais por consideralos como “construccións”.
Davila salienta que estes valores catastrais están a prexudicar ao sector agrario hortícola porque lles establecen unhas imposicións catastrais tan altas que os convirten en pouco rendábeis para os seus propietarios. Esta situación derívase do Real Decreto mencionado que define aos invernadoiros como construccións sen entrar en distincións pola súa finalidade produtiva ou a súa capacidade.
Os “invernáculos”
Neste sentido, afirma que os invernadoiros hortícolas como os que se poden ver na comarca do Salnés, son instalación moi sinxelas, de tipo túnel e con cuberta de plástico que soen ter unha duración de dous anos. “Trátase de instalacións de montaxe e desmontaxe fácil e que se poden trasladar dunha leira á outra. De feito se lles denomina “invernáculos” dada a súa lixeireza”.
Por iso, recalca, resulta totalmente “desproporcionado catalogar este tipo de invernadoiros como “construccións”. Os novos valores catastrais, sinala, “comprometen seriamente a rendabilidade e a continuidade de moitas explotacións deste tipo, polo que sería precisa unha flexibilización da lei na dirección de que se teñan en conta as especificidades destas instalacións agrícolas”.
Para Davila estes aumentos impositivos “non axudan a aliviar as cargas económicas que o sector hortícola está a padecer”.
De aí que dirixa ao Goberno unha serie de preguntas ao respeito: “Non cre que é desmesurado incluir aos denominados “invernáculos” ou invernadoiros lixeiros baixo a concepción de construccións? Vai o Goberno a modificar o Real Decreto aludido de xeito que estas sinxelas instalacións agrícolas fiquen excluidas dos elevados valores catastrais que se lles aplican por consideralas construccións?”.