11 diciembre 2008

Polémica en Redondela : o edil Alberto Pazos acusa ó alcalde de bloquear a comisión de pubs

REDONDELA (MORRAZO-tribuna).- O concelleiro do PP redondelán presentou esta mañán un escrito no que expón os argumentos que o levaron a retirarse desta iniciativa, "boicoteada polo equipo de goberno local"
O edil popular Alberto Pazos alega que a actitude de obstaculización e bloqueo do goberno local, imposibilitando calquera iniciativa das elaboradas pola comisión, foi a que motivou a súa marcha.

"O Partido Popular abandona a comisión porque cada unha das solucións que se plantexaron foron bloqueadas polo equipo de goberno municipal", argumenta Pazos, quen continuou expoñendo que "en Setembro xa manifestamos que de non producirse un cambio de actitude por parte dos membros do goberno, o PP abandonaría a comisión". "Ese cambio de actitude non se produciu, e coma consideramos que xa lles levamos dado suficiente marxe de tempo, agora retirámonos", sentenciou o concelleiro do PP redondelán.
Pazos asegurou tamén que "os grupos de goberno non teñen ningunha intención de resolver este asunto, nin lles importa a situación na que deixan ós hosteleiros deste gremio en Redondela, nin lles preocupa o ocio dos xoves no municipio".
Segundo declaracións do edil do grupo municipal do PP "o alcalde, Xaime Rei, prometeu no seu día colaboración absoluta se o noso partido asumía a presidencia da comisión de pubs". "Hoxe podemos dicir que nos mentiu", di Alberto Pazos: "o alcalde de Redondela prefire que os hosteleiros de locais nocturnos continúen nun limbo de ilegalidade, pendentes de se os seus negocios poden ou non seguir abertos en función dos seus caprichos persoais; só así se explica que, tratándose de locais na mesma situación legal, uns aínda permanezan abertos e outros xa foran pechados fai tempo".
"O PP fixo todo o que estivo na súa man para solucionar este tema", continuou Pazos, "obtendo o non por única resposta, sen que os grupos que forman o goberno local ofreceran unha soa alternativa". O popular e, ata o de agora, presidente da comisión de pubs de Redondela, Alberto Pazos, concluiu manifestando que "deixamos as vías de solución enriba da mesa, cando os dirixentes municipais teñan a vontade de exploralas, volveremos a estar a disposición dos redondeláns para solucionar este problema".