11 diciembre 2008

Quintana asegura que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar está a crear 1.600 empregos

VIGO/PONTEVEDRA (MORRAZO-tribuna).- O vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, sinalou hoxe a galescola de Lalín como exemplo de que a colaboración institucional articulada a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é unha resposta intelixente e eficaz para mellorar a calidade de vida dos galegos e das galegas. Quintana fixo estas declaracións no decurso dunha visita á galescola do Polígono Lalín 2000, na que tamén estiveron a secretaria xeral da Igualdade, Carme Adán; o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Lois Pérez Castrillo, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo. Na súa intervención, o vicepresidente galego chamou a sumar esforzos ante a crise económica e sinalou que esta é unha boa ocasión para que os municipios se doten de servizos sociais, educativos e de igualdade, “porque iso é bo para a poboación, pero tamén está a ser unha fonte importante de creación de emprego”. Neste senso, destacou o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como exemplo dunha gran empresa dedicada á economía social posta en marcha por Xunta e Concellos, “unha gran empresa que en 2009 terá creado máis de 1.600 postos de traballo”.

O vicepresidente destacou que a galescola do Polígono Lalín 2000 é a primeira situada nunha área empresarial, e polo tanto considerouna un recurso especialmente útil para a conciliación da vida laboral e familiar para os veciños e veciñas de Lalín e, nomeadamente, para os traballadores e traballadoras do Polígono. Neste senso, afirmou que a Rede Galescola é un proxecto pedagóxico de calidade, pero, sobre todo, “un recurso para a igualdade”, porque axuda a que as mulleres, que seguen a ser as que maioritariamente se fan cargo da educación dos nenos e nenas, poidan incorporarse ao mercado de traballo de xeito permanente e en condicións de igualdade plena. “Nun parque empresarial coma este, unha galescola ten esa vocación, e por tanto é unha moi boa idea, porque non só poñemos en marcha un servizo educativo, senón que coa puxanza industrial de Lalín facemos fronte a un servizo que este concello precisa”, dixo.

Incremento das prazas públicas
A galescola do Polígono Lalín 2000 contou cun investimento de preto de 550.000 euros para a súa construción e equipamento por parte da Vicepresidencia e do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. O centro conta con 5 unidades e 74 prazas, cun cadro de persoal composto por 11 traballadoras.

Coa creación desta galescola, a oferta de prazas públicas de educación infantil para nenos e nenas de 0 a 3 anos medrou en Lalín en máis dun 120%, pasando das 61 prazas que existían na Escola Infantil Municipal Pontiñas, ás 135 que hai agora coa posta en funcionamento do novo centro. Deste xeito, o índice de cobertura de prazas públicas no concello supera o 30%, quedando a menos de tres puntos da porcentaxe recomendada para 2010 pola Unión Europea para a atención ás necesidades socioeducativas dos cativos e cativas de 0 a 3.

Rede Galescola
O vicepresidente destacou a Rede Galescola como unha das prioridades fundamentais do Goberno galego que en tres anos se ten consolidado plenamente. De cara a 2009, extensión da Rede contará cun orzamento de 24 millóns de euros, o que supón un 32 por cento máis que no ano 2008. Este importante esforzo orzamentario permitirá consolidar o gran salto que se produciu na educación infantil no último trienio, un avance que se traduce hoxe en que máis da metade dos concellos galegos –un total do 53% fronte ao 27% do ano 2005– dispoñen de escolas infantís públicas para nenos e nenas de cero a tres anos. E este avance continuará, xa que está previsto que no 2009 haxa 7.000 prazas públicas máis que respecto do ano 2005, e a taxa de cobertura de prazas sostidas con fondos públicos será do 29,4%, a só tres puntos da taxa de cobertura recomendada pola Unión Europea para o 2010.

A comezos do presente curso escolar estaban xa en funcionamento un total de 73 galescolas, xestionadas a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que ofertaban preto de 3.500 prazas de educación infantil. Está previsto que a finais de ano a Rede Galega de Escolas Infantís Galescola dispoña xa de 85 equipamentos cunha suma global de 3.900 prazas. A esta cifra hai que engadirlle os 27 centros que na actualidade xa están en construción e que, tras a súa incorporación á Rede Galescola, sumarán un total de 112 escolas infantís en funcionamento. Ademais, en 2009 manterase o ritmo de creación de galescolas, que suporá a posta en marcha de 20 novos centros, co que a rede integrará xa un total de 121 centros.

Colaboración
Quintana agradeceu ao alcalde e á Corporación Municipal a súa colaboración coa Vicepresidencia para avanzar na posta en marcha de novos recursos para converter ao concello de Lalín nun referente de igualdade e benestar para os seus veciños e veciñas. O vicepresidente fixo referencia ao protocolo de colaboración que asinara o pasado mes de maio co alcalde, Xosé Crespo, para reforzar a cooperación entre as dúas administracións de cara á mellora dos servizos sociais neste municipio: “Estou satisfeito de comprobar que estamos a cumprir o que asinamos no salón de plenos hai só uns meses”, afirmou. Neste senso, explicou que para os concellos é moi importante contar cunha colaboración estable con outras administracións, porque sen esa colaboración estable sería imposible atender a demanda de servizos para os seus cidadáns. “Xa non chega que haxa axudas, é necesario que haxa complicidade; que non a haxa que pedir, senón compartir proxectos”, dixo.

O protocolo recollía, entre outras medidas, o remate da construción e o equipamento desta galescola e a cesión da xestión da de Pontiñas ao Consorcio. Hoxe, a galescola do Polígono Lalín 2000 está en marcha, e a transmisión da Escola Infantil Municipal de Pontiñas será realidade a comezos do ano próximo. Ademais, ao longo deste mes comezará a funcionar a Oficina de I+B de Lalín. O vicepresidente apuntou que se está a traballar tamén na redacción do proxecto do Centro de Día, que se licitará en canto estea listo. Por outra parte, aludiu ao acordo con Geriatros para que o centro de día da súa residencia neste municipio sexa público e estea integrado na Rede Galega de Centros de Día para a Atención a Enfermos de Alzheimer e outras Demencias. “A firma do protocolo con Lalín é un compromiso cos veciños deste concello que estamos cumprindo, demostrando que a colaboración funciona”, apostilou.
Sumar esforzos
O vicepresidente e o alcalde tamén se referiron ao momento de crise que afecta a algunhas empresas da comarca. Quintana dixo ao respecto que as empresas precisan colaboración e axuda, e sinalou que a clave para afrontar a crise “é sumar esforzos: todos unidos con obxectivos claros”. Sobre isto, apuntou á oportunidade que ofrece a creación de novos recursos para os servizos sociais, que están a contribuír á creación de emprego, como demostra a capacidade de xeración de postos de traballo a través do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.